Bono Coidado da Xunta de Galicia para as necesidades de conciliación das familias con menores de 12 anos

O Bono Coidado da Xunta esténdese ás vacacións escolares para atender as necesidades das familias, axudando a financiar servizos de conciliación como os campamentos, ludotecas ou atención a domicilio. Así, as familias con nenos e nenas de ata 12 anos que xustifiquen non poder quedar co menor por motivos laborais poderán acceder a unhas axudas que poden acadar ata o 100% do custe do servizo.

A contía máxima da axuda será de ata 500 euros por unidade familiar, no caso de contratación de atención a domicilio; ou de 200 euros por menor no caso de asistencia a servizos de conciliación autorizados.

O período subvencionable nesta convocatoria vai do 1 de xaneiro ao 14 de setembro de 2021. Xa que logo, enténdense como períodos de vacacións escolares o Nadal (do 1 ao 7 de xaneiro), o entroido (do 15 ao 17 de febreiro), a Semana Santa (do 29 de marzo o 5 de abril) e o verán (do 23 de xuño ao 14 de setembro).

O prazo para pedir as axudas do Bono Concilia remata o 30 de setembro e as solicitudes deberán presentarse por sede electrónica, co código de procedemento BS412A.

Ademais desta ampliación a períodos vacacionais, O Bono Coidado da Xunta seguirá atendendo as necesidades familiares o resto do ano, en caso de enfermidade do menor ou do coidador habitual, para cuestións laborais ou outro tipo de situacións que se poidan xustificar.