Escola Municipal de Música Matrícula ata o 16 de xullo

A Escola Municipal de Música de Rois abre hoxe o prazo de matrícula de cara ao curso 2021-2022 para todas aquelas persoas interesadas en ampliar a súa formación musical. A matrícula poderá formalizarse ata o vindeiro 16 de xullo cubrindo o impreso que se pode descargar no documento adxunto e facendo o pagamento das correspondentes taxas de matrícula.

A ESMU de Rois continúa este ano impartindo a modalidade de Harmonía e creación musical, dirixida a maiores de 12 anos, ademais dunha ampla oferta de instrumentos que se poden elixir: Batería, baixo eléctrico, frauta, óboe, saxofón, tuba, violín ou acordeón son algúns deles (ver oferta completa neste enlace).

A Escola Municipal de Música de Rois ten uns prezos moi accesibles: 20 euros pola matrícula anual e, por exemplo, 35€/mes polas clases de instrumento e linguaxe musical (ver folla e matrícula e opcións neste enlace).

Todas as clases serán individuais, agás as de Linguaxe musical, Conxunto instrumental, Música en movemento e Coro, que terán un máximo de 5 persoas por grupo.

Unha vez cuberta a folla de matrícula e pagada a taxa, estes documentos deberán entregarse nas oficinas municipais do Concello de Rois ou envialas por correo electrónico ao enderezo Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.

A ESMU de Rois

A Escola Municipal de Música de Rois incrementou de xeito considerable a súa matrícula dende que no ano 2018 o Concello promovera o primeiro intercambio  musical con Venecia. Alumnado da ESMU e de Chorima viaxaron ata Venecia para intercambiaren experiencias co alumnado a Escola Comprensiva Franca Ongaro e o Liceo Musical de Venecia.

En abril de 2019 a ESMU de Rois participou no seu segundo intercambio internacional. Nesta ocasión, unha comitiva de 25 persoas entre alumnado e profesorado da Escola de Música e do OCT Chorima, viaxaron ata Pasztó, unha localidade duns dez mil habitantes situada a oitenta quilómetros ao norte de Budapest, a capital de Hungría.

Os concertos que durante o curso ofrece a Escola de Música de Rois son outro dos atractivos para matricularse. No recentemente finalizado curso 2020-21, que estivo tamén marcado pola pandemia da COVID-19 e con moitas clases telemáticas alumnado da ESMU de Rois optaron por ofrecer varios concertos virtuais para rematar o curso e conmemorar tanto as Festas do Santo Isidro (ver vídeo aquí) como o Día das Letras Galegas (ver vídeo aquí). O seguinte concerto virtual poderá verse esta mesma fin de semana na canle de Youtube do Concello de Rois.