O mércores día 10 dará comezo a actividade de Marcha nórdica. As xornadas de iniciación son gratuítas e celebraranse todos os mércores do mes de outubro. Os participantes sairán do edificio multiusos de Rois ás 11.00 da mañá.
Estas primeiras saídas servirán de toma de contacto cun deporte de resistencia, a marcha nórdica, que ten moitos beneficios para a saúde. Estarán dirixidas por Ricardo Angueira, licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e fundador de www.marchanordicagalicia.com. No caso de formarse grupo, a actividade continuará en novembro como parte da programación municipal de actividades para adultos.
A marcha nórdica ou nordic walking é unha disciplina deportiva nacida en Finlandia que consiste en camiñar dunha determinada maneira e cuns bastóns específicos. Trátase dunha actividade apta para todos os públicos e cun 30% máis de gasto enerxético que a marcha convencional. Entre os moitos beneficios para a saúde que aporta están que estimula o sistema inmunitario, reduce a presión sobre as articulacións, fortalece ósos e músculos, mellora o sistema cardiovascular, diminúe a graxa corporal, aumenta a sensación de benestar e favorece a re-educación postural. Ademais, aporta unha actitude positiva e alegre.