Rois súmase á celebración do Día das Bibliotecas con tres espectáculos para público familiar que se desenvolverán ao longo da semana do 24 de outubro. Dende 2019 esta conmemoración leva o lema ‘Apta para todos os públicos’, ademais doutro que fai de fío condutor cada ano. O lema de 2021 é ‘Bibliotecas: ler, aprender, descubrir’.

A semana conmemorativa do Días das Bibliotecas abrirase en Rois o luns 18 de outubro con Travesías, un espectáculo de narración oral con obxectos e monicreques para nenas e nenos a partir de 3 anos que presentará na biblioteca municipal a contadora Raquel Queizás a partir das 18:00 horas.

Xa na fin de semana, Talía Teatro representará Lambetadas o sábado 23 de outubro ás 18:00 horas no Auditorio Municipal. Trátase dun espectáculo recomendado para rapazas e rapaces de entre 6 e 11 anos que, con moito humor, aborda o poder que ten a lingua propia para forxar a identidade individual e colectiva.

O domingo 24 pola mañá, ás 11.00 horas, volverán a Rois Os Bolechas. Nesta ocasión para presentar o seu espectáculo de animación Os Bolechas fan o camiño marciano, unha proposta participativa para toda a familia na que xogo e diversión se combinan coa aprendizaxe.

Para asistir aos espectáculos é preciso reservar entrada na páxina web do Concello enviando un correo electrónico a inscricions@rois.gal, no que se farán constar nome e apelidos, DNI, teléfono, mail, o/s espectáculo/s ao/s que se quere asistir e número de entradas. Cada persoa poderá solicitar un máximo de catro prazas para cada actuación. As inscricións pecharanse o 15 de outubro.

O programa desta Semana conmemorativa do Día da Biblioteca realízase coa colaboración da Rede Cultural da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. É unha das actividades que forma parte do proxecto Apego, no que participa o Concello de Rois, e tamén se enmarca dentro das actividades de desenvolvemento do Plan de igualdade do Concello.

Programa de actividades da Semana da Biblioteca en Rois