A inauguración dunha exposición fotográfica sobre a diversidade na mirada feminina e un obradoiro sobre o tratamento da violencia de xénero nos medios de comunicación pecharon hoxe en Rois os actos conmemorativos do 25N, Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

As xornalistas Silvia Vieito e Silvia Viqueira reivindicaron ante o público que asistiu ao auditorio un tratamento responsable da violencia de xénero  nos medios de comunicación, sen minimizar a súa gravidade e salvagardando a dignidade das vítimas. Fixérono cunha proposta de taller aberto no que se analizaron titulares actuais incidindo en aspectos reprobables como ocultar ou banalizar os delitos, culpar a vítima, desculpar o agresor, converter a violencia nun espectáculo ou frivolizar para ter máis audiencia. “Son prácticas que vemos a cotío e que contribúen a perpetuar as causas da violencia”, subliñaron. 

Previamente ao desenvolvemento deste obradoiro, a concelleira de Servizos Sociais, Mercebes Basante, inauguraba no a exposición de óleos de Nila Mariño Abal na que, baixo o título Miradas diversas en feminino, se recolle unha variada selección de cuadros de  mulleres. A mostra permanecerá aberta ao público, con entrada libre, ata finais de xaneiro.

Esta é a cuarta exposición da artista de Cangas, e está composta por 26 cuadros que recollen aspectos “vinculados coa muller, coa violencia simbólica e coa interculturalidade”, asegurou Mercedes Basante.

Coincidindo co 25 de novembro, o Concello de Rois difundiu o pasado luns un vídeo en redes sociais no que amosa un ano máis o seu total rexeitamento fronte á violencia de xénero e o seu compromiso coa loita para erradicala de todos os ámbitos da sociedade, á vez que reitera o seu apoio ás vítimas e comparte información básica sobre teléfonos e organismos aos que poden acudir no caso de necesidade.

Así mesmo, e como vén sendo habitual, o departamento de Servizos Sociais organizou unha convivencia de mulleres co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias e inquedanzas entre as veciñas, ademais de tender pontes interxeracionais. Coas prazas esgotadas, participaron nesta convivencia un total de 55 mulleres, que viaxaron a Estremadura a pasada fin de semana.Así mesmo, as persoas adultas que ao longo desta semana participaron na actividades deportivas e socioculturais organizadas polo Concello de Rois recibiron dípticos informativos sobre os servizos que ofrece o Centro de Información á Muller Terras de Iria, localizado en Padrón e que atende tamén ás mulleres de Rois e de Dodro.

Nila Mariño (4ª pola esquerda) e a concelleira Mercedes Basanta (5ª), durante a inauguración da exposición ‘Miradas diversas en feminino’