Primeira sesión do curso de competencias dixitais básicas de Muller Dixital, no edificio multiúsos de Rois

Un total de 20 mulleres de Rois participan no curso de Muller Dixital, nivel básico, que hoxe comezou a impartirse no edificio multiúsos. Esta formación, de carácter gratuíto, está dirixida a mulleres en situación de desemprego ou demandantes de mellora de emprego. O obxectivo principal do curso é eliminar o medo á tecnoloxía e aprender a facer uso da mesma.

O curso ten unha duración de 40 horas e desenvólvese de luns a venres, de 9.15 a 13.14 horas ata o 18 de novembro. Complementarase cun módulo de igualdade, de 5 horas, que se impartirá os días 21 e 22 de novembro. Está impartido pola informática Marisol Medina Morales.

A primeira sesión consistiu na presentación do curso e das participantes. As alumnas tamén aprenderon a rexistrar a súa pegada dixital no sistema Cubite; a configurar as tabletas que se lles entregaron e a crear un enderezo electrónico.

Ao longo desta formación tamén recibirán nocións sobre a historia da evolución informática e coñecerán a terminoloxía básica para poder desenvolverse no entorno dixital. As participantes traballarán co ordenador, a tableta e o teléfono móbil, empregando as ferramentas dispoñibles tanto en Google como en Microsoft para traballar na nube ou para, por exemplo, renovar a demanda de emprego cos caracteres DARDE, pedir ou xestionar unha cita médica, o uso da chave 365 ou consultar e como descargar unha vida laboral, entre outros contidos.

Unha vez rematado o curso básico en competencias dixitais, programarase outro avanzado ao que accederán as mulleres que superen a formación inicial e aquelas que xa teñan coñecementos dixitais.

O curso de competencias dixitais básicas para mulleres está organizado pola entidade de formación Muller Dixital, en colaboración do Concello de Rois.