Unha decena de mozas e mozos de Rois viaxaron neste mes de xullo a Xeorxia para participar nun encontro xuvenil que lles permitiu integrarse na vida dese país durante unha semana e descubrir a súa cultura, a súa historia, os seus costumes e a súa gastronomía, ademais de facer múltiples visitas. O encontro, que se desenvolveu entre o 8 e o 15 de xullo, enmárcase nos intercambios internacionais que promove o Concello de Rois.
A mocidade roisense puido compartir a experiencia con outra rapazada de Tordoia, A Laracha, Murcia e Portugal, e tiveron como anfitrións ao longo da súa estadía un grupo de mozas e mozos xeorxianos. Dende a capital do país, Tiflis, os 60 participantes no intercambio realizaron diversas actividades e excursións.
A comitiva de Rois, da que tamén formaban parte os concelleiros Victoria Quiroga e José Luis Ares ademais da técnica municipal Inma Seage, puido coñecer a antiga capital do país, Miskheta; as covas de Uplistsikhe; ou o museo e a casa de Stalin en Gorin. Viaxou así mesmo ás localidades de Kazbegi e de Gergeti, dous destinos do norte do país coñecidos polas súas paisaxes montañosas e a icónica igrexa da Trindade, situada a 2.170 metros sobre o nivel do mar co monte Kazbek como pano de fondo.
Durante a estadía tamén houbo tempo para realizar diferentes actividades como un descenso en rafting polo río Aragvi, unha sesión de baños sulfúricos en Tiflis ou un paseo nocturno en barca polo río que atravesa a capital.
No concello de Tiflis, o grupo foi recibido por representantes municipais, que intercambiaron palabras e agasallos cos seus homólogos de Rois. A delegación roisense conversou tamén o último día co encargado de Negocios da embaixada de España en Xeorxia, Marcos Granados Gómez, que asistiu á cea de despedida e agradeceu a visita a este país.
O Concello de Rois quere agradecer o enorme esforzo realizado polo Centro de Cultura e Lingua Española Carmen de Xeorxia, e noamedamente a súa directora Natia e ao seu colaborador Gio, polo enorme esforzo que realizou para organizar este intercambio xuvenil.

















