O alcalde de Rois, Ramón Tojo, e o técnico de Xuventude da Xunta de Galicia, Fernando Rodríguez, achegáronse ata o CPPI dos Dices para felicitar ás alumnas de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) do centro, Carmen Romarís Vidal, Carolina Martínez González e Sabela Becerra Vaamonde por integrar o equipo Correspondentes xuvenís 3.0 do centro escolar e aventurarse neste proxecto. Estiveron tamén presentes no encontro a directora do centro educativo, Ana Lamela, e a xefa de estudios de secundaria, Mireia Pamies.

 Correspondentes xuvenís 3.0 é un programa convocado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado da Xunta que ten como obxectivo que os alumnos e as alumnas dos centros educativos recompilen e xestionen información xuvenil. Esa será a premisa baixo a que traballe o equipo de correspondentes xuvenís do CPPI dos Dices. O seu labor será o de recoller a información que se lles envíe dende a Dirección Xeral de Xunventude e dende o propio Concello de Rois para difundila entre o resto do alumnado do centro polos medios que teñan ao seu alcance: taboleiros informativos, grupos de wahtsapp, web do centro, etcétera.

Para Ramón Tojo, “este programa é unha oportunidade única para que coñezan de primeira man todas as accións que desde as administracións lanzamos en materia de xuventude”, dixo. O alcalde tamén anima á xente moza a “participar en todas estas accións e a viaxar, sendo conscientes de que moitas aprendizaxes para a vida transcorren en contextos de fóra das paredes da casa e dos centros educativos”, subliña Tojo. Carmen Romarís Vidal, Carolina Martínez González e Sabela Becerra Vaamonde, como integrantes do programa, poderán participar nos Encontros de correspondentes xuvenís que se organizan ao longo do curso e se lles recoñecerá a súa participación cun certificado de experiencias de educación non formal en materia de xuventude.