• O ciclo celébrase entre o venres 19 e o domingo 21 de outubro con propostas para público adulto e infantil
  • Talía Teatro, Malasombra e Títeres Cachirulo poñen en escena as súas propostas no Auditorio Municipal
  • As entradas son de balde e deberán retirarse media hora antes de cada función

Tres espectáculos de tres compañías de referencia conforman este ano o cartel da II Mostra de Teatro de Rois, que se celebra na fin de semana do 19 ao 21 de outubro. O Auditorio Municipal acolle as actividades, organizadas polo Concello en colaboración coa Deputación da Coruña e coa Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). A entrada é gratuíta ata completar o aforo, e a billeteira para retiralas abrirá media hora antes de cada función.

A programación inclúe espectáculos para público infantil e adulto. Talía Teatro, Malasombra e Títeres Cachirulo serán os grupos encargados de poñer sobre as táboas as propostas escénicas O servidor de dous amos, Descanse en paz e O libro da selva, respectivamente.

A II Mostra de Teatro de Rois ábrese o venres 19 ás 20.00 horas con O servidor de dous amos. Trátase dunha montaxe de gran formato de Talía Teatro, interpretada por María Ordóñez (veciña de Rois e directora do grupo de teatro municipal Vacalouras), Xurxo Barcala, Toño Casais, Marta Lado, Diego Rey, Marta Ríos, Artur Trillo e Dani Trillo. A mentira e a confusión son a base deste espectáculo de humor escrito por Carlo Godoni e dirixido por Diego Rey, no que se fala de tráfico de influencias, evasión fiscal e enganos varios. Talía é un dos grupos teatrais máis veteranos do panorama galego, nacida en 1988 e cun amplo e variado abano de espectáculos ás costas.

O sábado, tamén ás 20.00 horas, será o momento de Malasombra, unha compañía fundada en 2006 por Xoque Carbajal. El mesmo, xunto con Jouse García e Patricia Rodríguez, protagonizan Descanse en paz, unha comedia negra sobre a morte escrita por Pep Antón Gómez e Jordi Sánchez, e dirixida por Marcos Orsi. O espectáculo trata dos desvelos dunha peculiar familia para axudar a morrer a unha nai con poucas ganas de facelo.

Títeres Cachirulo farase cargo o domingo ás 18.00 da proposta infantil. O libro da selva é unha adaptación do clásico de Rudyard Kipling, un texto no que o neno Mowgli, criado cos animais, escapa dun malvado tigre e faise amigo dos lobos para acabar enfrontándose ao seu inimigo. O espectáculo está indicado para pequenos e pequenas a partir dos tres anos, e pono en escena unha das compañías de teatro infantil máis populares e veteranas de Galicia. Cachirulo naceu en 1985 e percorreu cos seus escenarios boa parte de Europa e América.

 

20180919 II mostra teatro Rois CARTEL web home