Logo da súa publicación onte no Diario Oficial de Galicia, o Concello de Rois publica hoxe un bando para dar a coñecer o plano de situación dos puntos afectados no municipio polo Proxecto de solución de evacuación dos parques eólicos Maragouto e Banzas, que promove a empresa Green Capital Power S.L. Este proxecto, que contempla varios puntos de apoio no Martelo, xa está exposto no taboleiro de anuncios electrónico do Concello para a súa consulta. O prazo para presentar alegacións remata o 26 de novembro.

A documentación que se somete a información pública refírese en concreto á solicitude de autorización administrativa previa, á autorización administrativa de construción, ao estudo de impacto ambiental e ao proxecto de interese económico e está tamén a disposición das persoas interesadas no seguinte enlace: https://ceei.xunta.gal/transparencia/instalacions-xeracion/maragouto-banzas.

As alegacións deberán dirixirse á sección de Enerxía da Xefatura Territorial da Coruña da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, que ten a súa sede na rúa Vicente Ferrer número 2-2º andar, 15701-A Coruña.

No caso de ter algunha dúbida ou precisar dalguna aclaración, as persoas afectadas poden dirixirse ás oficinas do Concello de Rois ou chamar ao teléfono 981 804 109