O alumnado da Escola Municipal de Música (ESMU) de Rois ofreceu este domingo o primeiro dos dous concertos de solistas previstos para pechar o presente curso académico. A actuación, que ía celebrarse no campo da festa de Rois, tivo que trasladarse ao polideportivo municipal por mor da chuvia. O concerto arrincou coa actuación do Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima que presentou ao público o seu novo espectáculo Solsticio de Invernío.
A través desta actuación, Chorima logrou que o público sentira a vibración do inverno e que se mergullase nas tradicións desta época do ano no interior de Rois, onde a música sempre tivo un papel destacado nas distintas facetas propias destas datas dende a esfolla do millo, ata o Nadal, a noite de Reis ou mesmo o Entroido. Sobre o escenario resoaron pezas como o Canto de Reis de Ermedelo ou o Entroido de Rois, entre outras.
Pola súa banda, o programa de solistas da ESMU arrincaba coas actuacións do alumnado de guitarra, aos que seguiron o solistas de piano, saxofón e batería. Cada unha das alumnas e cada un dos alumnos interpretou a súa peza ben en solitario, supervisados ou supervisadas polo seu profesor ou profesora, ou acompañados e acompañadas dos seus mestres e as súas mestras na materia musical.
Polo polideportivo resoaron pezas de compositores como Beethoven, Eric Clapton, Abba, Bon Jovi, entre outras, na modalidade de guitarra, ata pezas para piano de Bastien, Chistina Perri, Violeta Hemsy, Elena Davis, Antonio Diabelli, Hans Zimmenr, ou mesmo de compositores anónimos. Na modalidade de saxofón interpretáronse pezas de Crepin e Bach; mentres que os solistas de batería da ESMU tocaron pezas de The Police, AC/DC, Rage Against the machine, The White Stripes ou The Beatles.
O vindeiro domingo, 26 de xuño, celebrarase o segundo dos Concertos de Solistas da ESMU de Rois. Será ás 20.00 horas, no auditorio municipal. Con este último espectáculo a Escola Municipal de Musica dará por pechado o presente curso académico.