• Tamén ten intención de recuperar canto antes a formación presencial na Escola de Música

  • Agardará a que se poidan xuntar máis de catro persoas para as actividades deportivas, de arte e de teatro

  • Pide que as persoas inscritas confirmen a súa continuidade

O municipio de Rois recuperou hoxe a mobilidade coa maior parte de Galicia logo de que a Xunta o incluíse no nivel medio de restricións, por mor da súa boa evolución epidemiolóxica. Coincidindo con este proceso de desescalada, vólvense abrir desde o vindeiro mércores a biblioteca, o ximnasio e os pavillóns municipais, ao tempo que se recupera a presencialidade nas clases de inglés. As actividades deportivas, as da escola de música e as clases de arte e de teatro seguiranse desenvolvendo de xeito virtual polo de agora.

As clases de inglés volven ao formato presencial dende o mércores 10 de marzo nos horarios habituais, a expensas de que as persoas participantes confirmen o seu compromiso de continuar con esta actividade. Terán ata as 14:00 horas do martes para facelo, por teléfono (981 81 60 61) ou correo electrónico (cultura@rois.gal).

A biblioteca pública de Rois continuará prestando o servizo de préstamo de libros cun aforo máximo de oito persoas no interior das instalacións. Non hai necesidade de acceder ao edificio no caso de devolución, pois os libros poden depositarse no buzón habilitado a tal efecto na cristaleira do multiúsos.

En canto ao ximnasio municipal, abrirá dende o mércores de 17:00 a 21:30. Só poderán coincidir dentro dous usuarios, que non poden prolongar a súa estancia máis dunha hora.

Os pavillóns volverán estar tamén dispoñibles para o aluguer e a práctica deportiva dun máximo de catro persoas. As solicitudes faranse no teléfono 981 816 061.

Polo que respecta á Escola de Música, as clases continuarán desenvolvéndose en liña coa intención de recuperar canto antes a formación presencial en función da evolución epidemiolóxica.

Mentres, para retomar as actividades deportivas, de teatro e de arte, agardarase a que se poidan facer grupos de máis de catro persoas. O Concello precisa saber antes do venres 12 de marzo se as persoas inscritas teñen intención de continuar asistindo para manter ou refacer os agrupamentos existentes.