Cartel do Concurso de Entroido 2025 do Concello de Rois

O Concello de Rois repartirá máis de 1.800 euros en premios no Concurso de Entroido 2025, que se celebrará o sábado 1 de marzo cunha gran festa que se desenvolverá no pavillón municipal logo do tradicional desfile polas rúas de Rois. As persoas e comparsas interesadas en participar no concurso deberán inscribirse previamente na páxina web municipal (www.rois.gal) entre o luns 3 e o venres 14 de febreiro.

O concurso de Entroido iniciarase ás 16.00 horas diante da Casa do Concello coa recollida de dorsais das persoas participantes, que poderán concursar en ata seis categorías diferentes: infantil individual ata 12 anos, individual de 12 anos en adiante, parella ou trío, comparsa infantil e comparsa (para grupos de ata doce membros) e comparsa de trece membros ou máis. Para axilizar a saída, aquelas persoas que o desexen poderán retirar os dorsais no multiúsos os días 26, 27 e 28 de febreiro (de 10.00 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas).

Unha vez colocados os dorsais, comezará o desfile entre a Casa Consistorial e o polideportivo municipal, onde os concursantes gozarán de tempo para presentarse coas súas actuacións ante o público e o xurado. A festa continuará, ademais de coa entrega de premios, cunha merenda na que non faltarán as larpeiradas propias do Entroido grazas ás asociacións veciñais e unha sesión de baile, que amenizará o Dúo Reflejos.

O concurso repartirá máis de 1.800 euros en metálico. O xurado valorará aspectos como a orixinalidade, a utilización de materiais de refugallo ou a posta en escena.

A maiores dos premios do concurso xeral, concederanse gratificacións especiais para recoñecer o traballo e o espírito entroideiro das comparsas locais, entendidas como tales aquelas nos que polo menos o 75% das persoas participantes estean empadroadas en Rois.

No caso das comparsas, ao facer a inscrición debe facerse constar unha persoa representante, da que se indicará nome completo, número de contacto e NIF de quen ha de asinar a solicitude e un compromiso de responsabilidade. Tamén deberán entregar o certificado do número de conta bancaria.

Os formularios de inscrición poden cubrirse na web do Concello de Rois no apartado de Xestións e trámites:

Formulario de inscrición para categorías individual, parella e trío

Formulario de inscrición para comparsas

As bases poden consultarse aquí e no documento que acompaña esta nova.