O departamento de Servizos Sociais do Concello de Rois repartiu nas últimas xornadas lotes de alimentos entre as familias máis vulnerables residentes no municipio, coa fin de que ninguén quede sen desfrutar do Nadal. Os produtos que compoñían estes lotes foron adquiridos polo consistorio en establecementos do comercio local, favorecendo así a economía de proximidade.
Este ano incrementouse sensiblemente a cantidade de produtos incluídos en cada lote. Ademais, no reparto o Concello tamén quixo acordarse dos máis pequenos destas familias, que recibiron como agasallo de Reis unhas botas de montaña e un chándal.
Por outra parte, os maiores do Centro de Día de Urdilde tamén colaboraron coa iniciativa, realizando unhas manualidades que dende o Concello se lles fixeron chegar a varias familias do municipio. Trátase de xogos tipo quebracabezas, realizados a man e en madeira, cos que se poden obter diferentes figuras.