O pleno do Concello de Rois ven de aprobar definitivamente o convenio urbanístico que permitiu a ampliación das instalacións que Aluminios Cortizo está a acometer na súa sede principal, e que vai representar unha achega de 185.000 euros para as arcas municipais por ocupación de terreo público. Na sesión tamén se aprobou definitivamente o estudo de detalle para reaxustar as aliñacións en Samil, e a adhesión do concello ao Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía.
A ampliación das instalacións que está a acometer Aluminios Cortizo na súa sede principal ocupan parte de terreos de Rois. No seu día redactouse un convenio urbanístico, que na última sesión plenaria foi aprobado e que vai representar unhas achegas de 180.000 euros para as arcas municipais pola ocupación de terreo público.
Esta importante aportación económica vai permitirlle ao Concello, entre outras actuacións, poder realizar o reaxuste de aliñacións no núcleo de Samil, para ampliar as beirarrúas e a zona de aparcamento nos arredores da casa consistorial e do centro de saúde. Actuación que tamén foi aprobado na última sesión plenaria ao ratificarse o estudo de detalle para completar e reaxustar aliñacións no solo urbano consolidado de Samil.
Por outra banda, o pleno tamén ratificou a adhesión do Concello de Rois ao Pacto dos alcaldes polo clima e a enerxía que promove a Unión Europea para loitar contra o cambio climático, aumentando o uso das enerxías renovables.
A adhesión a este pacto implica asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao 2030, un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2 (dióxido de carbono),ao tempo que se aumenta un 27% o emprego de enerxías renovables. O Concello de Rois tamén se compromete a adoptar medidas fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, coma son as secas ou os episodios de temperaturas extremas.Unha vez aprobada a adhesión, o Concello elaborará e presentará un plan de acción que garanta o cumprimento destes obxectivos no ano 2030.