A Corporación de Rois aprobou unirse ao convenio marco da Consellería de Medio Ambiente para a recollida de aparellos eléctricos e electrónicos nun pleno que comezou gardando un minuto de silencio en memoria das vítimas de violencia de xénero, despois de que a concelleira Mercedes Basante anunciara as actividades programadas para conmemorar o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que rematarán a vindeira fin de semana.

No pleno ordinario celebrado este luns 24 de novembro, a Corporación ratificou a resolución da alcaldía pola que Rois se suma ao convenio marco de colaboración asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e os sistemas de responsabilidade ampliada do produtor de residuos de aparatos eléctricos e electrónicos, para a recollida e reciclaxe destes refugallos.

A preguntas do grupo socialista, o alcalde, Ramón Tojo, indicou que a reciclaxe dos aparatos eléctricos e electrónicos non vai ter custe para os veciños, e que pode supoñer un aforro importante para as arcas municipais. 

En principio vaise manter o sistema de recollida actual deste tipo de aparellos, que se trasladarán a un local na Peruca antes de que as empresas que participan neste convenio os recollan para a súa reciclaxe. O convenio contempla que o Concello reciba unha compensación económica en función das toneladas de aparatos que se reciclen.

O convenio foi ratificado cos votos a favor do Partido Popular. O grupo socialista abstívose na votación e solicitou copia dos anexos deste convenio con todos os datos.

Na sesión tamén se aprobou por unanimidade a revisión do padrón a 1 de xaneiro de 2025, data na que Rois contaba con 4.358 habitantes.

No apartado de rogos e preguntas, entre outros temas, o PSdeG solicitou que se incluíra nas obras do POS a mellora da estrada de Cornes a Contimundi. O alcalde respondeu que xa estaba incluída a mellora dun tramo desa estrada. O portavoz socialista, Manuel Regueira, tamén preguntou cando se ía incorporar o pediatra ao centro de saúde de Rois. Ramón Tojo lembrou a reunión que mantiveran el e o alcalde de Dodro co xerente da área sanitaria, na que este se comprometera a cubrir a praza no momento que houbera especialistas dispoñibles. “É un problema complexo, porque non hai pediatras”, lembrou o alcalde.