• O “Serán da Lingua” é un dos puntos fortes do programa que empeza o 5 de maio coa representación de “Os tres porquiños” e remata o 11 de xuño cun “Café con letras”

Rois, 26-5-2018. Teatro para pequenos e maiores, música tradicional, contacontos e concertos nos centros educativos, unha mostra de artesanía e unha exposición sobre María Victoria Moreno conforman o amplo e variado programa “Rois no Camiño das Letras Galegas”, co que o Concello celebrará o mes de maio.

O programa iníciase o sábado 5 de maio no auditorio municipal coa representación da obra de teatro para toda a familia “Os tres porquiños”, a cargo de Educateatro Producións.

O “Serán da Lingua” é un dos puntos fortes do programa. O venres 11 reúnense no campo da festa os grupos de música tradicional de Rois e da comarca. Actuarán o Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima, as Cantareiras das Amas de Casa de Rois, as Repeniqueiras de Urdilde, as Pandeireteiras de Ermedelo, a Asociación Cultural Rosalía de Castro de Padrón e a Escola de Música e Baile Tradicional de Brión, entre outros. A xornada festiva rematará cunha gran chocolatada.

A última fin de semana do mes (25 a 27) celébrase a primeira edición da Mostra de Teatro Escolar e Afeccionado no auditorio municipal.

Os actos nos centros educativos de Rois, que inclúen contacontos, teatro e os concertos de Paco Nogueiras e da compañía Verdeveras, celébranse entre os días 7 e 23 de maio; e inclúen tamén a presentación do libro A voz insurrecta. MaríaVictoria Moreno, entre a literatura e a vida.

Paralelamente, o edificio multiusos de Rois acollerá unha exposición de María Victoria Moreno Vázquez, a autora homenaxeada este ano, e o XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas (este, entre o 9 e o 23).

E xa no mes de xuño organízase unha nova edición da iniciativa “Café con Letras”. O venres 11, a partir das 18.00 horas no multiusos, poderase visionar o telexornal “María Victoria Moreno”, realizado polo alumnado do CPI Plurilingüe dos Dices e celebrarase a entrega dos premios do certame artístico e literario, de relato breve e poesía. Entre os que se animen a compartir a lectura cuns cafés sortearanse diferentes libros.