Centos de persoas asistiron hoxe en Rois á homenaxe organizada polo Concello para conmemorar os 25 anos de docencia de Lois Aldegunde, profesor de Lingua e Literatura do CPI Os Dices, que deixa a docencia enfermo de ELA. Un acto cargado de emotividade no que o alcalde de Rois, Ramón Tojo, anunciou que o certame literario que organiza anualmente o Concello pasará a chamarse dende hoxe Certame Literario Lois Aldegunde, “en recoñecemento ao seu labor e quefacer profesional e humano”. Faceta que tamén destacou a directora do CPI Os Dices, Ana Lamela, quen se referiu ao docente como o “gran dinamizador da lectura e da oratoria” entre o alumnado.

O homenaxeado, que estivo acompañado da súa familia, recibiu de mans de Ramón Tojo unha figura do escultor Camilo Seira coa lenda A Lois Aldegunde, pola súa traxectoria e a súa sementeira en Rois, “coa que queremos resumir o legado que nos deixa”, remarcou o alcalde. Visiblemente emocionado, Lois Aldegunde agradeceu a homenaxe e subliñou que “se isto fose unha hipoteca estaríaa a pagar toda a vida”.

Na súa intervención, Ramón Tojo agradeceu ao profesor o seu traballo e a súa implicación na formación de xeracións de mozas e de mozos do municipio, así como a súa colaboración desinteresada nas diferentes accións socioeducativas e culturais impulsadas dende o Concello. O alcalde subliñou que o docente leva 25 anos traballando en Rois “sementando nas mentes e nos corazóns de moitas xeracións o amor pola nosa lingua e pola nosa cultura”, dixo. Neste senso remarcou que Aldegunde foi un dos grandes impulsores do Club de Debate, “e foi quen de convencer e involucrar ao seu alumnado no club, levando ao equipo de Rois a varias finais e acadando diversos premios, dos que estamos moi orgullosos”.

Unha labor que tamén destacou a directora do CPI Os Dices, quen na súa intervención aproveitou para facer unha pequena lembranza do homenaxeado. Ademais do Club de Debate, Ana Lamela destacou outras iniciativas impulsadas por Aldegunde como os Telexornais das Letras Galegas, “nos que se involucraron centos de alumnos e alumnas para presumir do que temos máis cerca, das nosas raíces, da nosa cultura”, dixo. Lamela lembrou que os telexornais de Aldegunde puxeron a Rois no mapa a nivel nacional. “Centros doutras comunidades autónomas nos teñen pedido imaxes destes informativos”, indicou a directora.

Ana Lamela lembrou que Aldegunde chegou por primeira vez ao CPI Os Dices o 1 de setembro de 1998 para impartir Lingua e Literatura e  foi secretario do centro escolar durante 8 anos. Tamén fixo fincapé no traballo que o docente realizou na biblioteca e a paixón que inculcou entre o alumnado “polas nosas letras e os libros”.

A homenaxe, celebrada no polideportivo, contou cunha ampla representación do alumnado das 25 promocións ás que lle deu clase Lois Aldegunde e compañeiros de profesión. Nas diferentes intervencións todas as persoas participantes amosaron o seu agarimo polo docente, destacando a súa paixón, compromiso e amor pola educación, pola lingua e a cultura galega e por Rois.

Tamén se proxectaron diversos vídeos protagonizados polo profesorado e alumnado do centro, con fotos, poemas e unha lembranza en imaxes do traballo feito por Lois no CPI Os Dices. Houbo unha pequena peza e unha mención a unha obra teatral, ambas dirixidas no seu día polo docente, e tocouse unha muiñeira. E para finalizar o emotivo acto, representantes das diferentes promocións de estudantes do centro educativo de Rois entregáronlle a Lois Aldegunde unhas orlas.ç

Preme no enlace para ver a galería de fotos en Facebook