Presentación da nova campaña de Alingua en Vilagarcía

É túa. Pásaa! é o lema da campaña coa que Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, aglutina as actividades que desenvolverá nestes seis primeiros meses de 2023. A presentación do programa, que tivo lugar esta mañá en Vilagarcía, contou coa presenza da concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, e da técnica de Normalización Lingüística, Inma Seage.

Rois, que exerce actualmente a vogalía da asociación, é un dos dezanoves concellos galegos que integran Alingua co obxectivo de promover e dinamizar o emprego do galego. Para visibilizar a campaña, a casa consistorial roisense loce xa unha gran lona co lema É túa. Pásaa!, que é tamén o retrouso da pegadiza canción que interpretan Fátima Pego e Grande Amore e que “convida a coidar a lingua, pero sobre todo convida a falala, a usala”. Victoria Quiroga, en representación de Alingua, incidiu no acto en que “o lema escollido para este ano 2023 se trata dunha chamada á acción: usa e transmite a túa lingua, o galego”. 

Xunto ao vídeo da canción, no vindeiro mes de maio estrearase nas distintas canles de Alingua a webserie en formato vlog O gran reto. Na mesma, tres persoas castelanfalantes amosarán a súa experiencia vivindo en galego durante 21 días. A creadora de contido María Rúa será a presentadora deste proxecto, no que cada un dos protagonistas desenvolverá un capítulo semanal no que falará da súa transición e afrontará diversos desafíos.

“Esta acción recolle o convite do lema da campaña para animar a falar a todas esas persoas que lle queren ben á nosa lingua pero que non a dan falado. O propio lema da campaña É túa. Pásaa! xa anima as persoas a participar activamente e tamén queremos esa participación pasando ese reto a todas as persoas que se queiran sumar. Buscamos que a xente se implique neste gran reto que supón probar a falar galego, e non só as tres semanas que dura, senón para que se atrevan a dar o paso de empregar esta lingua porque para que unha lingua teña futuro precisa de falantes”, sinalou Victoria Quiroga. 

A conselleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, intervén na presentación de Alingua. Rois ostenta na actualidade a vogalía da asociación.

As accións que desenvolverá Alingua neste primeiro semestre de 2023 inclúen tamén a publicación en redes sociais de entrevistas a persoas de diversos eidos sobre as súas vivencias coa lingua, así como novos recursos en galego ou sorteos para visitar o fondo mariño. Ademais das pancartas nas casas consistoriais, os municipios participantes repartirán adhesivos e bandeirolas entre veciñanza e empresas que queiran participar.