A concelleira de Cultura de Rois, Victoria Quiroga, representou o Concello no encontro europeo celebrado en Hungría entre o 21 e o 24 de abril. Esta xuntanza forma parte do proxecto As voces europeas contra o escepticismo, liderado polo Concello de Rois.
Quiroga resaltou que este tipo de encontros favorecen que “cidadáns de diferentes países poidamos estreitar lazos e intercambiar experiencias para construír unha Europa máis unida e máis forte”. A concelleira roisense puxo en valor “a necesidade desta unión en momentos como o que estamos a vivir, debido á guerra provocada pola invasión rusa en Ucraína”.
A comitiva que representou ao Concello de Rois nestas xornadas celebradas en Erdőkürt, no condado de Nógrád, estivo formada pola concelleira Victoria Quiroga, a técnica municipal Inmaculada Seage e pola veciña Bárbara Bustelo, quen exerceu tamén de intérprete.
Os participantes afondaron en cuestións como a axuda humanitaria en tempos de crise, a situación dos refuxiados en Hungría ou o fomento das relacións de irmandamento entre cidades durante a guerra entre Rusia e Ucraína. Tamén se falou de temas como o desenvolvemento rural ou a repercusión das políticas europeas a nivel local.
Ademais das xornadas de traballo, os participantes no encontro visitaron o Parlamento de Hungría en Budapest e outros lugares emblemáticos, como o Castelo de Buda, ademais de asistir a unha exhibición de bailes tradicionais e á presentación da Cabalería da Garda Civil de Erdőkürt.
O Concello de Rois agasallou ás autoridades presentes no encontro cun regalo artesanal creado por integrantes da Asociación Amipa. Precisamente unha das persoas que participou na elaboración destas cunchas decoradas coa técnica découpage foi Alina, persoa en prácticas en Amipa e nativa de Hungría.
Proxecto financiado por Bruxelas
As voces europeas contra o escepticismo foi a proposta presentada polo Concello de Rois e a única aprobada en Galicia pola Axencia Executiva no ámbito Educativo, Audiovisual e Cultural (Eacea), dentro da subacción Redes de Cidades. A de Rois figura entre as 40 propostas financiadas pola Comisión Europea das preto de 400 presentadas no programa Europa para a cidadanía. Contribuír a que os cidadáns comprendan mellor a Unión Europea, a súa historia e a súa diversidade, e lograr unha maior implicación e participación da cidadanía no futuro da UE, loitando contra o euroescepticismo, os populismos e a desinformación son algúns dos obxectivos que persegue o proxecto presentado polo Concello de Rois que foi aprobado pola Comisión Europea.
Na seguinte galería de imaxes podes ver un resumo do encontro europeo celebrado en Hungría.