O Concello de Rois organiza este venres un obradoiro de defensa persoal para mulleres que será impartido por expertos da Escola Judo Club, a partir das seis da tarde na escola unitaria dos Dices. Esta actividade enmárcase dentro da programación do Concello para conmemorar o Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

No obradoiro deste venres, día 29 de novembro, as asistentes recibirán nocións sobre o coñecemento e control do corpo e do espazo, sobre prevención e solución de situación hostís, e tamén de técnicas útiles para a defensa persoal.

Este obradoiro está destinado a mulleres maiores de 18 anos e vaise celebrar na escola unitaria dos Dices (coñecida como escola de dona Sara). As interesadas poderán recibir máis información no edificio multiúsos de Rois (981 816 061) ou no departamento de Servizos Sociais (981 804 109, extensión 2). Para este obradoiro non é necesario facer inscrición previa, e aconséllase levar roupa deportiva.

Dentro da programación para conmemorar o 25-N, o Concello de Rois tamén organizou un obradoiro de ioga, que reuniu no multiúsos o pasado día 9 a unha vintena de mulleres.