O Concello de Rois ocupa unha vogalía na recentemente creada Asociación de Entidades Locais pola Lingua, cuxa asemblea constituínte celebrouse onte no Pazo de Raxoi, en Santiago. Trátase dunha entidade que ten como obxectivo desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma.
Un total de quince concellos de toda Galicia estiveron representados na xuntanza, a través dos seus alcaldes e alcaldesas, de concelleiros e concelleiras, e de persoal técnico dos servizos de normalización lingüística. Ademais do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participaron representantes da Baña, Ames, A Coruña, Teo, Ribadeo, Ferrol, Narón, Ponteceso, O Grove, Rianxo, Pontevedra, Moaña, Vilagarcía, e Rois, que estivo representado polo tenente alcalde Manuel dos Santos.
Os integrantes son concellos que xa veñen colaborando en proxectos como o Apego, o Club de Debate ou o certame Youtubeir@s (ata o momento, Rois participa activamente nos dous primeiros). O obxectivo da Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega será promover a colaboración entre as distintas institucións para lograr unha xestión máis eficaz dos proxectos colaborativos en materia de lingua.
Na asemblea de hoxe acordouse que a presidencia da Asociación recaerá en Rianxo, a vicepresidencia no Concello do Grove, Pontevedra ocupará a secretaría e Ames a tesourería. Ademais, Narón, Rois e Santiago ocuparán as tres vogalías da entidade.