• O alcalde confirmou a decisión no primeiro pleno telemático que celebrou esta mañá a Corporación 

  • O persoal que traballa na empresa actual será subrogado polo Concello

  • A Xunta está a espera de resolver recursos para establecer medidas á Destilerías Compostela para evitar a contaminación do aire

O Concello de Rois vai municipalizar a parte do Servizo de Axuda no Fogar que actualmente está a prestar unha empresa externa. Segundo confirmou o alcalde esta mañá no primeiro pleno telemático que celebrou a Corporación a unha pregunta dos socialistas, dende o goberno local xa se mantivo unha reunión coas traballadoras da empresa e cos representantes sindicais para analizar o proceso, “pois dende o Concello teremos que asumir, cos mesmos horarios que ven mantendo actualmente, ao persoal da empresa que está a prestar servizos en Rois”.

O Concello de Rois xa contempla no orzamento deste ano unha partida para facer fronte a subrogación do persoal do Servizo de Axuda no Fogar que actualmente presta atención á veciñanza e que depende dunha empresa. “Seguiremos avanzando nesta liña, pois tanto traballadores como sindicatos viron ven a nosa decisión”, explicou o alcalde, Ramón Tojo, cando foi preguntado polo grupo socialista se a empresa renunciar ao contrato por cuestión económica e porque tardara tanto en cobrar.

Ramón Tojo explicou que mentres estivo aberto o procedemento de adxudicación do concurso non se podía pagar. Unha vez rematado, o concello pagou todas as facturas pendentes. Unha vez que remate o estado de alarma e se normalice a situación “imos manter unha reunión coa empresa para municipalizar o servizo” explicou o alcalde.

A moción presentada polo PSdeG-PSOE solicitando a colocación de tres medidores fixos da calidade do aire no val de Rois, nas parroquias de Rois e Oín, para analizar a posible contaminación procedente de Destilerías Compostela, foi rexeitada cos votos en contra do equipo de goberno (7), votando a favor os socialistas (3) e BNG (1).

Neste punto, o alcalde explicou que xa se mantiveran diversas reunións coa Consellería de Medio Ambiente, as que asistiron veciños, representantes da empresa e do Concello. Tojo leu unha respostas remitida dende a propia Consellería na que se informa de non é posible nestes intres colocar os tres medidores que pedían os socialistas.

Dende a Consellería de Medio Ambiente sinalan que a solución do problema pasa pola implantación de melloras técnicas nas instalacións, polo que se pediu á empresa que informase sobre a viabilidade económica e técnica para implantar estas medidas. Como a empresa presentou recursos de reposición e alzada contra a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, hai que resolver primeiro estes antes de avanzar.

Segundo o departamento autonómico, en caso de que se considere necesario, solicitaráselle a Destilerías Compostela a instalacións dos puntos de medición de aire que se consideren necesario. Os resultados destas medicións faríanse públicos coa mesma frecuencia que o resto de estacións da Rede de Calidade do Aire de Galicia.

Como hai que ter en conta parámetros técnicos para a colocación destes puntos de medicións, e tendo en conta a lexislación vixente e a normativa técnica aplicable , dende a Consellería consideran que resulta inviable instalar as 3 estacións de medida fixa tal e como solicitaba o Partido Socialista de Rois.

Ramón Tojo comprometeuse a facilitar esta resposta ao grupo socialista e a mediar ante a Xunta para que en vindeira reunión poidan estar representada tamén a oposición de Rois.

Sobre as medidas de recuperación económica promovidas dende o Concello, que pedían os socialistas, o alcalde respondeu que primeiro é necesario coñecer as condicións que estableza o Goberno central para a volta á normalidade e que medidas económicas vai adoptar. Tojo destacou que dende a Xunta xa se habilitaron diferentes liñas de axuda para autónomos e pemes.