O Concello de Rois está dando a coñecer en Rezekne a música e a cultura galega como “unha fórmula que nos permite estreitar lazos con Letonia e axudar a construír máis Europa”, como dixo esta mañá a concelleira de cultura Victoria Quiroga durante a recepción oficial. O xefe de educación do distrito de Rezekne, Guntar Skuda, recibiu ao grupo galego e animou a todos os participantes neste intercambio musical a “aproveitar esta experiencia para vivir dous días de música”.
“A música é un magnífico medio para coñecernos a nós mesmos e para mellorar as relacións cos demais, ser mellores cidadáns e fomentar o respecto, a tolerancia e a igualdade”, afirmou Victoria Quiroga durante a benvida que brindaron as autoridades do distrito de Rezekne. Guntar Skuda estivo acompañado polos directores das escolas de música de Malta, Normands Stekelis, e de Vilani, Inta Brence; pola especialista en proxectos internacionais Inta Rimsane e por varios profesores das escolas de música do distrito.
Rezekne é unha cidade duns 35.000 habitantes do leste de Letonia (a uns 242 km de Riga) fundada sobre sete outeiros. Está asentada no cruzamento das líñas de tren Moscú-Riga e San Petersburgo-Varsovia.
A comitiva roisense, formada por alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música e do CPPI Os Dices, visitou esta mañá o centro de concertos Gors, construído entre 2010 e 2013 que ten capacidade para 1.000 persoas sentadas e 8.000 de pé. É o centro de concertos máis moderno de Letonia e pode ofrecer o escenario máis grande do país grazas ao sistema co que foi construído. No Gors hai tamén unha sala multifuncional (para cine e concertos) con 240 cadeiras (e 800 persoas de pé).
Xa pola tarde, a comitiva roisense fixo un percorrido pola centro educativo no que está aloxado en Malta, unha localidade de 3.000 habitantes a 40 quilómetros de Rezekne. Trátase dun edificio único en Letonia polas súas características, que conta cunha escola deportiva, unha de artes, unha de música e unha escola secundaria, construído hai 20 anos e que supuxo un cambio no sistema educativo da zona.
Hoxe, dous concertos
Tras as dúas visitas, os músicos roisenses estiveron ensaiando os dous concertos que ofrecerán mañá xunto co alumnado da Malta Music Schools (pola mañá) e coa Vilani Music School (pola tarde).
Este intercambio musical con Letonia xurdiu o pasado mes de novembro durante o encontro As voces europeas contra o euroescepticismo que promoveu o Concello de Rois e que xuntou a representantes dos 27 países da UE, como recordou esta mañá Victoria Quiroga na recepción.
A comitiva roisense
A representación de Rois que viaxou a Letonia está encabezada pola concelleira de Cultura, Victoria Quiroga, e a xestora cultural Anayansi Singh, e integrada por
Alumnado e profesorado da Escola Municipal de Música: Grecia Domínguez, Aroa Boga, Víctor Abascal, Celtia Insua, Amelia Miguéns, Lourenzo Somoza, Aitana Rodríguez, Ileana Piñeiro, Alba Manni, Desirée Meis, Anrís Soto, Lucía Rabuñal, Manuel Villar, Anna Melikhova, Fabián Jamardo, Elena Domínguez, Amparo Cánovas, Brais Villar e Martín Chaves.
Alumnado e profesora do CPPI Os Dices: Iker González, Carolina Martínez, Nuria Costa, Carmen Romarís, Rocío Casal e Mireia Pamies.
O profesor da ESMU Gabriel Miguéns encargouse dos arranxos musicais dos temas que interpreta o grupo en Letonia estes días.