Presentación de Alingua no Auditorio de Galicia

Un total de 18 concellos únense en Alingua, Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega que naceu co obxectivo de desenvolver proxectos conxuntos no ámbito da normalización do idioma. O Concello de Rois forma parte da directiva desta organización, que xorde para lles dar resposta aos múltiples retos de futuro que o galego debe afrontar. O tenente de alcalde de Rois, Manuel dos Santos, acudiu hoxe ao acto de presentación da asociación celebrado no Auditorio de Galicia.

Alingua é unha iniciativa conxunta que trata de fomentar a cooperación entre institucións locais e o traballo en rede. Adolfo Muíños, alcalde de Rianxo e presidente de Alingua encargouse de conducir esta mañá en Santiago a presentación da asociación. Muíños aproveitou a súa intervención para destacar o “orgullo de termos unha lingua universal” que nos achega “identidade nun mundo globalizado”. 

Do nome da asociación xorde alinguar, “verbo transitivo que significa usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula”. Trátase, segundo o propio Muíños, dun “neoloxismo case metalingüístico ao fusionar cuestións identitarias e idiomáticas”. O vocábulo, suposto  “neoloxismo de moda”, está a centrar unha campaña a medio camiño entre a ficción e o falso documental a través das redes, protagonizada polas intérpretes Gloria Rico e Tania Yáñez.

Presentación de Alingua no Auditorio de Galicia

A campaña conta con colaboracións como a das actrices Mela Casal, Melania Cruz e Ailén Kendelman (que como compositora asina a sintonía da Asociación), a cantante MounQup, os xornalistas Gonzo, David Espiño e Patricia Santana, as creadoras dixitais Olaxonmario, Todomalva e Surfeando Libros, o artista Sergio Marey e a artesá Elena Ferro. Tamén participan a psiquiatra Iria Veiga, o intérprete Xosé A. Touriñán, a bailarina Ánxela Blanco, o rapeiro O Rabelo, a influencer Paula Jorge, a maga Sara Rodríguez e o músico Caxade. Todas estas personalidades da sociedade participan nas pezas audiovisuais da campaña, que procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia e espallan mensaxes clave como son “E ti que alinguas?”,  “O teu algoritmo fala galego?” ou “A lingua sitúanos no mundo”.

Os municipios que constitúen Alingua son A Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e Vilagarcía de Arousa. As institucións locais integrantes xa veñen colaborando en proxectos como Apego, Youtubeiras, Club de Debate ou Enreguéifate, iniciativas colaborativas de dinamización lingüística. Un dos obxectivos da asociación Alingua é canalizar este tipo de colaboracións dirixidas a aumentar o uso do galego, fomentar as sinerxías entre as administracións e lograr unha xestión máis eficaz destas e outras accións en materia de lingua.

‘Alingua aí!’

A primeira iniciativa que organiza Alingua é, precisamente, a campaña de presentación que se está a desenvolver para dar a coñecer a asociación e os seus fins. Baixo o lema Alingua aí, xógase coa propia marca da entidade para comunicar a fachenda colectiva por traballar en prol da normalización do idioma. Inclúe tamén sorteos para acudir a restaurantes pertencentes ao prestixioso Grupo Nove (Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado), difusión nos medios de comunicación tradicional ou contidos audiovisuais adaptados ás novas narrativas das redes sociais.

O conxunto desta primeira iniciativa pretende, en palabras de Rubén Prol, concelleiro de Política Lingüística de Santiago de Compostela, transmitirlle á sociedade ilusión por un idioma a través do cal “nos identificamos ante o mundo”. “En Alingua queremos colocar o galego no centro e aproveitar a forza que xera para potenciar todo o patrimonio colectivo, humano, cultural e económico que acubillan os nosos concellos”, sinalou Prol antes de engadir que a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega busca “ser expansiva” e “convida a espertar os sentidos á lingua”. Esta primeira campaña ten un duplo obxectivo: presentar Alingua e animar outras institucións a se adherir.

Funcións e obxectivos

A concelleira de Política Lingüística de Ames, Escarlata Pampín, encargouse de detallar as principais metas desta asociación. “Alingua vén para quedar e vén co obxectivo de se converter nunha organización de referencia no traballo colaborativo en normalización lingüística”, sinalou Pampín ao tempo que adiantou que a entidade “aglutinará a vontade normalizadora das administracións locais” e “facilitará a xestión dos programas”.

Ademais de se converter no axente catalizador para os amentados proxectos colectivos a prol da lingua que xa están en marcha, a asociación buscará promover e dinamizar o uso do galego dende o ámbito dos concellos. Ao tempo, procurarase a coordinación na acción dos servizos de normalización lingüística implicados e prestarase servizo de asesoramento ás entidades asociadas na promoción, impulso e conservación do idioma. Por último, Alingua propiciará a colaboración con outras entidades que teñan entre os seus fins a defensa da lingua.

Máis información na páxina web www.alingua.gal