A concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, e a educadora familiar, Uxía Pérez, representarán a Rois en Figueira da Foz (Portugal) nun encontro que reunirá dende mañá ata o domingo persoas de once países europeos para debater sobre o ‘Patrimonio cultural: unha base para a construción do futuro de Europa’, que forma parte do programa Europa for Citizen.
Xunto con Mercedes Basante e Uxía Pérez acudirán a este encontro os alcaldes da Laracha, Padrón, Santa Comba, Tordoia e Val do Dubra, e concelleiros e concelleiras da Baña e Dodro, ademais dos municipios mencionados.
Neste encontro participarán autoridades locais, técnicos municipais e representantes da sociedade civil de once países da Unión Europea. Este proxecto, que pretende resaltar a importancia do patrimonio cultural na construción do futuro de Europa, foi unha iniciativa da rede de cidades impulsado pola Xunta de Freguesía de Alqueidao, que é unha das 14 que compoñen o municipio de Figueira da Foz .
O obxectivo e reunir a representantes de diferentes socios europeos de Grecia, Italia, Francia, España, Letonia, Hungría, Eslovaquia, Lituania, Malta, Estonia e Portugal, e brindar a oportunidade de participar en actividades comúns, promover o entendemento e a tolerancia, e contribuír ao desenvolvemento dunha identidade europea respectuosa, dinámica e polifacética.
En liña coas prioridades do programa Europa cos Cidadáns, o obxectivo deste proxecto é fomentar a solidariedade, o diálogo intercultural e a interacción entre a cidadanía, especialmente entre a xuventude, para descubrir e explorar o patrimonio cultural europeo, reforzando o sentido de pertenza a un espazo común, a través dun enfoque innnovador do uso e coñecemento do patrimonio mediante o uso masivo das TIC.
Encontro para loitar o euroescepticismo, previsto para novembro
Para o vindeiro mes de novembro está previsto que se celebra en Rois o encontro promovido polo Concello para loitar contra o euroescepticismo no que participarán representantes de 27 países europeos. Este encontro tivo que pospoñerse o ano pasado debido a pandemia do coronavirus
Contribuír a que os cidadáns comprendan mellor a Unión Europea, a súa historia e a súa diversidade, e lograr unha maior implicación e participación da cidadanía no futuro da UE, loitando contra o euroescepticismo, é un dos obxectivos que persegue o proxecto presentado polo Concello de Rois que foi aprobado en Bruselas entre os 147 proxectos presentados.