-
O Concello conmemorou onte o 8M cun acto pechado ao público
-
O alcalde e a concelleira de Servizos Sociais destacaron que moitas das protagonistas do libro son “pioneiras’’ nas súas profesións “e un exemplo para moitas mulleres e homes”
-
Na inauguración da exposición de fotos, celebrada hai un ano, Ramón Tojo comprometérase a editar un libro que recolle a historia de vida das protagonistas
“Moitas de vós sodes pioneiras nas vosas profesións. As vosas historias de vida son exemplo para moitas persoas, mulleres e homes, que teñen un espello no que mirarse”, díxolles onte a concelleira de Servizos Sociais de Rois, Mercedes Basante, ás protagonistas de Aloitadoras, 31 veciñas de Rois que protagonizaron hai un ano a exposición de fotografías de Lara Barreiro, recollidas dende onte nun libro do mesmo título.
Cun acto pechado ao público, ao que asistiron a maioría das protagonistas do libro, o Concello conmemorou onte pola tarde o Día Internacional da Muller entregándolle a cada unha tres exemplares do libro que recompila as imaxes e a historia de vida das 31 veciñas de Rois que representan ás doce parroquias do municipio.
Un ano despois da inauguración multitudinaria da exposición de fotografías, mudaron moito as cousas. “Aquí estamos, con máscaras, un aforo reducido e gardando as distancias”, dixo Mercedes Basante. “Fomos as grandes prexudicadas pola crise social e económica xerada pola pandemia”, engadiu a concelleira, quen recordou que “as mulleres que acabaron en ERTE ou desempregadas foron moitas máis ca os homes. Queda moito por avanzar. Que poidamos facelo da man de mulleres como as de Rois fai o camiño máis fácil”, dixo.
Pola súa banda, o alcalde, Ramón Tojo, volveu recoñecer o traballo da fotógrafa roisense Lara Barreiro, “que soubo captar coa súa cámara a esencia” de cada una das protagonistas, e de Anayansi Sing e Uxía Pérez, as traballadoras municipais que recolleron as biografías de cada unha delas.
Ramón Tojo, que o ano pasado se comprometera a editar o libro, reiterou que dende o Concello “queremos empoderar ás mulleres de Rois, e agardamos que este libro sirva para valorar a traxectoria de cada unha” das protagonistas.
O volume, ao igual que a exposición do ano pasado, “dedicámosllo a unha muller que tamén foi pioneira en Galicia, Lourdes Gómez, fundadora e presidenta da Asociación de Mulleres de Rurais de Urdilde, finada en 2019.
O Concello de Rois editou 150 exemplares do libro Alaoitadoras, que xa se pode consultar na biblioteca municipal. A exposición de fotografías será levada agora polos colexios do municipio, logo de inaugurarse o ano pasado no Multiúsos e ter que ser suspendida aos poucos días pola declaración do estado de alarma.
A exposición ‘Aloitadoras’
Coa exposición Aloitadoras, o Concello de Rois quixo facer o ano pasado unha homenaxe á muller rural para conmemorar o Día Internacional da Muller. A mostra, que consta de 31 retratos feitos por Lara Barreiro, amosa a faciana de 31 veciñas do municipio, profesoras universitarias, pioneiras na Garda Civil ou facendo ‘traballo de homes’, empresarias, emprendedoras, deportistas, inmigrantes, persoas con capacidades diferentes que son quen de romper estereotipos.
Formada por retratos de 40×60 cm nos que, sobre fondo negro, ‘Aloitadoras’ é o resultado dunha iniciativa que hai dous anos puxeron en marcha Lara Barreiro López, fotógrafa; Anayansi Singh, xestora cultural do Concello de Rois, e Uxía Pérez, educadora familiar. Para a montaxe da exposición, o Concello de Rois conta co patrocinio de Saal Digital.
Nas 31 fotografías, e agora tamén no libro do mesmo nome, poderase ver a Anna, unha nixeriana que, despois de pasar por Madrid e A Estrada, leva 15 anos vivindo en Rois, onde se formou, fundou a súa familia e hoxe axúdalle a outros veciños e veciñas porque traballa no servizo de axuda no fogar. Están tamén Sara, que se formou e se converteu en soldadora, “un traballo máis vinculado aos homes”; María e Esmeralda, dúas emprendedoras que crearon as súas propias empresas. Vanesa, unha grande afeccionada ao motocross, ou María Josefa, que naceu en Escarabote e garda con mimo as revistas, carnés e medallas que gañou practicando diferentes artes marciais.
Noutros dos retratos aparecen María de los Ángeles, a primeira muller de toda España que formou parte do Grupo de Blanqueo de Capitais da Unidade Central Operativa da Garda Civil; e Carmen, que saca adiante unha plantación ecolóxica. Entre as ‘aloitadoras’ tamén figura Lucía, unha muller con discapacidade intelectual capaz de vivir de xeito independente. “Con apoios puntuais da familia, das amizades, dos servizos sociais e da Asociación Amipa e quen de loitar día a día para defender os dereitos das persoas con discapacidade”, sinala Uxía Pérez.
“A forza que expresan coa súa mirada, como lle foron perdendo o medo a cámara, e todo o que fai cada unha delas”. Foron as cousas que máis lle sorprenderon a Lara Barreiro López mentres facía as fotografías. “Están moi agradecidas por sacarlles as fotos, e o feito de que lles gustaran é o que máis me satisfai”, engade.
“Quería retratar a mulleres de Rois, ensinar como son, e facer algo para o Día da Muller”. Desta idea de Lara Barreiro xurdiu todo. Anayansi e Uxía souberon ver o potencial e puxéronse a facer unha selección.