Cultura Dispersa é o programa co que un ano máis Rois encherá de música o verán coa idea de levar a cultura a todas as parroquias e apoiar ás asociacións de veciños na celebración das festas patronais. En total, serán doce as actuacións que chegarán a outros tantos lugares do municipio entre o 24 de xuño e o 17 de setembro. Bandas de música, agrupacións tradicionais ou unha discoteca móbil atópanse entre as propostas.
Cultura Dispersa iniciarase nesta edición no día de San Xoán, 24 de xuño, co espectáculo Camiños do fado, que Iria Estévez levará á noitiña ao local social de Costa. Xa en xullo, desenvolveranse outras tres actuacións: a Charanga Mil9 animará o domingo 2 de xullo ao mediodía o campo da festa de Herbogo; o rock de Homeless soará no campo da festa de Leroño o domingo 16 de xullo á tardiña; e o Dúo Charada convidará a bailar o martes 18 de xullo pola noite no campo da festa de Ribasar.
Agosto comezará con música do grupo Os Centenarios na alborada que percorrerá a parroquia de Augasantas o domingo día 6. Tócalle despois a quenda á música de banda con dúas propostas: a banda municipal de Padrón estará o luns 7 de agosto no campo da festa de Rois e nesa mesma semana, o venres 11, será a banda de música de Lousame a que actúe no campo da festa de Seira.
O mes contará aínda con outras dúas actuacións. A primeira será a do Dúo Acherizados no campo da festa de Oín o xoves 17 de agosto, mentres que a agrupación folclórica OCT Chorima actuará no campo da festa de Urdilde o domingo 20 de agosto á saída da misa.
Xa en setembro, o grupo Xoldra acompañará ás persoas congregadas no campo da festa de Ermedelo o domingo día 3 á saída da misa. O rexistro musical cambiará o sábado 16 de setembro á noitiña no campo da festa de Buxán, a onde chegarán os últimos éxitos e os máis bailables coa discoteca móbil. A agrupación roisense OCT Chorima repetirá actuación, neste caso no campo da festa de Sorribas o domingo 17 de setembro, para pechar o programa de Cultura Dispersa 2023.