O Pleno do Concello de Rois aprobou onte, cos votos a favor do equipo de goberno popular e do BNG e a abstención do PSdeG, destinar o POS+ Adicional da Deputación para gasto corrente e para o afirmado e acondicionamento de dúas pistas. Por unanimidade, a Corporación acordou adherirse ao Plan xeral de prevención de riscos e medidas antifraude da Deputación da Coruña coa finalidade de controlar os investimentos que se executarán no municipio cos fondos Next Generation da Unión Europea.

A proposta do equipo de goberno que preside Ramón Tojo incluía destinar 204.475 euros do POS+ Adicional a gasto corrente, para pagar facturas, e outros 206.776 euros para investimentos en mellora de estradas. A proposta inclúe os afirmados e acondicionamentos dunha parte das pistas que van da AC-308 ata Sabacedo e da vía que une Sorribas con Vilar de Abade.

Ante as criticas da oposición relativas ao gasto corrente, Ramón Tojo explicou que as bases da Deputación permiten destinar esa partida para pagar facturas e engadiu que o goberno municipal ten contemplado tamén con esa partida facer fronte ao incremento do custo das obras pola inflación. O BNG solicitou unha relación das obras incluídas no Plan de Obras e Servizos da Deputación e a situación na que se atopa a adxudicación de cada unha, e o PSdeG pediu un informe de intervención para coñecer a que se vai destinar o gasto corrente. Finalmente, a proposta saíu adiante cos votos a favor do PP (7) e BNG (1) e a abstención do PSdeG (3).

Por unanimidade dos tres grupos acordouse delegar na Deputación da Coruña a xestión do Plan xeral de prevención de riscos e medidas antifraude para o control dos investimentos que se executarán en Rois financiados cos fondos europeos Next Generation, como é a construción da nova depuradora de Urdilde. Esta é unha das medidas que require Bruxelas para a aplicación de fondos europeos. Ramón Tojo explicou que deste xeito se dará cumprimento aos requerimentos da Unión Europea sen sobrecargar de traballo aos técnicos municipais.

No apartado de rogos e preguntas, entre outros temas, Begoña Ares (BNG) preguntou que vai facer o Concello unha vez que a Xunta autorizou da liña de alta tensión entre Lousame e Tivo, que pasa por riba de Angueira de Castro e do Castro Lupario, ao que o alcalde respondeu que os técnicos municipais están preparando o recurso contra ese acordo.

Pola súa banda, e diante a seca que está a padecer Galicia, Manuel Regueira (PSdeG) quixo saber se o Concello vai ter en conta as necesidades de auga dos gandeiros e que medidas ía tomar se quedan sen auga. O alcalde respondeulle que, como xa se fixeran noutras ocasións, dende o Concello facilitarase auga a aqueles veciños que o soliciten.