O Concello de Rois difundiu este 25N, Día para a Erradicación da Violencia contra a Muller, un vídeo conmemorativo no que anima á veciñanza a seguir alzando a voz fronte a todas as formas da violencia de xénero e daralle continuidade aos actos conmemorativos o vindeiro venres, 29 de novembro, coa inauguración dunha exposición fotográfica centrada na diversidade feminina e cun obradoiro no que se analizará o tratamento das violencia de xénero nos medios de comunicación.
Coincidindo co 25N, o Concello de Rois difundiu este luns un vídeo en redes sociais no que amosa un ano máis o seu total rexeitamento fronte á violencia de xénero e o seu compromiso coa loita para erradicala de todos os ámbitos da sociedade, á vez que reitera o seu apoio ás vítimas e comparte información básica sobre teléfonos e organismos aos que poden acudir no caso de necesidade.
Así mesmo, e como vén sendo habitual, o departamento de Servizos Sociais organizou unha convivencia de mulleres co obxectivo de fomentar o intercambio de experiencias e inquedanzas entre as veciñas, ademais de tender pontes interxeracionais. Coas prazas esgotadas, participaron nesta convivencia un total de 55 mulleres, que viaxaron a Estremadura entre o venres e o domingo da semana pasada.
Os actos do 25N continuarán este venres, 29 de novembro, no Multiúsos. Ás 18.30 horas terá lugar a inauguración dunha exposición de fotografías nas que Nila Mariño plasma Miradas diversas en feminino. A continuación, ás 19.00 horas, o auditorio será o escenario dun obradoiro no que Silvia Vieito e Silvia Viqueira, integrantes da asociación Xornalistas Galegas, analizarán co público como se trata a violencia de xénero nos medios de comunicación. Este obradoiro está aberto a todas as persoas que queiran participar.
Por outro lado, as persoas adultas que asistan ao longo desta semana ás actividades deportivas e socioculturais organizadas polo Concello de Rois recibirán dípticos informativos sobre os servizos que ofrece o Centro de Información á Muller Terras de Iria, localizado en Padrón e que atende tamén ás mulleres de Rois e de Dodro.