• O obxectivo é concienciar o alumnado en igualdade mediante a expresión plástica e artística

  • O prazo para participar estará aberto ata o 12 de marzo

  • Os traballos premiados servirán para anunciar os actos que se programen ata abril co gallo do 8M

O Concello de Rois vén de convocar entre o alumnado dos centros educativos do municipio un concurso de carteis para conmemorar o Día da Muller o vindeiro luns, 8 de marzo. Os carteis gañadores empregaranse para anunciar os actos que se programen ata abril co gallo desta conmemoración.

O obxectivo do concurso é concienciar os escolares mediante a expresión plástica e artística sobre os dereitos da muller e a necesidade da súa plena integración na sociedade, ademais de buscar a erradicación de todas as formas de discriminación baseadas no xénero.

Neste concurso poden participar todos os rapaces e rapazas escolarizados en Rois, que poden presentarse tanto a nivel individual como en grupo. Deberán presentar un traballo en A3 u A4 acompañando a súa ilustración, debuxo, colaxe.. cun lema ou texto en galego alusivo á data que se conmemora. As propostas presentadas terán que ser orixinais e inéditas.

O prazo de presentación dos traballos estará aberto ata o venres 12 de marzo. As inscricións faranse cubrindo un formulario, no que se indicarán os datos do alumno ou grupo e do centro. Os carteis entregaranse nos propios centros educativos.

Haberá dous premios por cada unha das nove categorías, establecidas por idades: 1º a 3º de educación infantil, 4º de infantil, 5º de infantil, 6º de infantil, 1º e 2º de educación primaria, 3º e 4º de primaria, 5º e 6º de primaria, 1º e 2º da ESO e 3º e 4º de secundaria. No caso dun grupo, determinará a categoría o integrante de maior idade. Todos os participantes recibirán un diploma acreditativo.

Nos documentos adxuntos poden atoparse as bases do concurso e o formulario de inscrición.