O Concello de Rois convoca un ano máis o concurso de carteis do que sairá a imaxe coa que se promocionen as Festas do Santo Isidro. O concurso, que pretende fomentar a difusión da festa ao tempo que estimula a participación e a creatividade, está aberto a todas as persoas que teñan cumpridos os 14 anos. O traballo gañador imprimirase como cartel das festas deste 2024 e a autora ou autor recibirá un premio de 200 euros.
As obras, de técnica libre, deberán adoptar o tamaño A3 e terán que levar a inscrición FESTA DE S. ISIDRO LABRADOR 2024. Cada persoa poderá presentarse ao concurso cun máximo de dous traballos, que deberá entregar antes do mércores 17 de abril ás 14.00 horas elixindo unha destas tres fórmulas: por correo electrónico, presencialmente na casa consistorial de Rois ou por enderezo postal (Concello de Rois, Samil 1, Oín. 15911-Rois).
Para entregalo por medios electrónicos, a persoa participante terá que enviar unha copia dixitalizada a inscricions@rois.gal. No caso de entregalo fisicamente, presentará o traballo centrado e montado sobre un cartón pluma de 32×44 que, na parte externa do embalaxe, especificará a lenda “Concurso de carteis S. Isidro Labrador 2024”.
En todos os casos, os carteis acompañaranse do boletín de inscrición debidamente cumprimentado cos datos da persoa participante e unha fotocopia do documento identificativo (DNI, NIE ou pasaporte).
Na resolución do concurso, o xurado terá en conta a calidade artística do orixinal, a idoneidade como cartel a expresividade representativa da Festa do Santo Isidro.
As bases e as follas de inscrición poden descargarse nos arquivos adxuntos.