O Concello de Rois vén de facer pública a convocatoria do Certame artístico e literario de relato breve e poesía, co que conmemora o Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor o Día das Letras Galegas, que este ano se dedica a Florencio Delgado Gurriarán. Trátase dun concurso con moita tradición no municipio do Sar e que nesta edición incorpora a modalidade de fotocreación ou videocreación literaria como novidade.
O certame pretende estimular a creatividade e fomentar a creación literaria. A participación está aberta a todas aquelas persoas que o desexen, sen límite de idade, para o que se establecen cinco categorías segundo a idade: persoas nacidas dende 2015 ata a actualidade, entre 2014 e 2013, entre 2012 e 2010, entre 2009 e 2005 e ata 2004, incluído.
Os traballos deberán incorporar algún elemento característico do concello de Rois, ademais de estar escritos en galego e de ser orixinais e inéditos. Os textos, imaxes, ilustracións e música que se empreguen estarán libres de dereitos de autoría.
Na modalidade de narrativa establécese un máximo de 10 folios, mentres que en poesía se estipulan entre 10 e 60 versos. As persoas que non manexen a lectoescritura ou os máis pequenos poderán substituír os textos por debuxos, que se realizarán en grupo ou individualmente. Por último, nas dúas categorías de máis idade (persoas nacidas ata 2009) súmase a modalidade de fotocreación, que consiste nun fotopoema ou fotorrelato que fusione unha imaxe co texto; ou videocreación, que será un videorrelato ou videopoema composto por imaxe, son, movemento e texto.
En fotocreación ou videocreación haberá un único premio, consistente nunha figura de Camilo Seira e un lote de libros en lingua galega. Tamén recibirán un lote de libros os gañadores das categorías de menor idade, ata os 15 anos. Para os maiores, haberá premios en metálico nas modalidades de narrativa e poesía: 100 euros para os primeiros e 50 para os segundos no caso de maiores de 18 anos e 60 euros para os primeiros e 30 euros para os segundos se o autor ou autora ten entre 15 e 18 anos. Todas as persoas participantes recibirán un diploma acreditativo.
O prazo de presentación de orixinais remata o xoves 30 de xuño. A entrega realizarase preferiblemente por medios electrónicos (inscricions@rois.gal), aínda que tamén se ofrece a opción de presentar os traballos por correo ordinario ou de forma presencial no Concello de Rois ou no edificio multiúsos, nos horarios de atención ao público.
As bases do certame e o formulario de inscrición pódense consultar e descargar nos arquivos adxuntos.