Foto de grupo das premiadas e premiados no Concurso de carteis do Día da muller

Rois conmemorou hoxe o Día da muller cun acto no auditorio municipal no que destacou a reivindicación do papel social da muller rural. Tanto a presentación do filme Rois, m8ita muller como a declaración institucional incidiron na importancia destas mulleres. A educación en igualdade e unha maior facilidade para a conciliación e para o acceso á carreira profesional foron outras das mensaxes que se deixaron escoitar no 8M roisense.

O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, foi o encargado de introducir “un acto que é de xustiza, a nosa achega como consistorio á consolidación social da igualdade entre homes e mulleres”. Para Tojo, a reivindicación é especialmente pertinente nun concello maioritariamente rural como o roisense, no que “as mulleres foron pezas clave nos coidados e na educación, pero tamén na economía e nos avances sociais, mulleres que ata hai moi pouco estaban discriminadas, sempre sometidas á figura masculina da familia para cousas tan básicas como ter unha cartilla de aforros”.

O audiovisual Rois, m8ita muller é un bo reflexo desta realidade. Producido pola empresa compostelá Xurdir para o Concello, é un traballo protagonizado polas integrantes das asociacións de mulleres rurais do municipio. Participan, entre outras, Manuela García, vogal da Asociación de Mulleres Rurais de Ermedelo; Teresa Martínez, presidenta da Asociación de Mulleres Rurais de Urdilde; e Mª Carmen García, presidenta Asociación de Amas de Casa de Rois. Estas tres asociacións, fundadas nos anos oitenta, ofrecen actividades culturais e de ocio que cohesionan a poboación feminina rural e lle ofrecen “un espazo libre” no que ser “máis independentes e ter eses momentos íntimos que lles fan falta”, en palabras de Teresa Martínez. Aínda que moi preto da cidade, Rois é un concello eminentemente rural, no que estas asociacións exercen un importante papel como lugar de encontro, espazo de relación, promotoras de excursións e viaxes e mesmo integradoras de emigrantes retornadas que atopan aquí acubillo para coñecer xente.

Rois reúne máis de 200 asociadas entre as tres agrupacións. O vídeo remata cun lema coral, construído coas voces de todas as participantes, no que se reivindica a muller de Rois como “moita muller, brava, loitadora. Porque non é unha; somos moitas: avoas, nais, traballadoras e gandeiras; somos moitas: as que viñeron e as que virán, e xuntas e xuntos somos máis”.

Entrega de premios, manifesto e contacontos

O acto proseguiu coa entrega de premios do Concurso de carteis do Día da muller, no que participou o alumnado dos centros educativos do municipio. Os traballos exporanse durante todo o mes no edificio multiúsos. A lista de premiadas e premiados pode consultarse neste enlace, mentres que aquí pode verse unha galería gráfica.

A continuación, Mercedes Basante, concelleira de Servizos Sociais, procedeu a ler a declaración institucional do Concello de Rois con motivo do 8M. O manifesto fai fincapé en que “as mulleres traballamos fóra do ámbito doméstico con moitas eivas para poder conciliar a vida familiar e a laboral. Seguimos a ser as principais coidadoras das nosas nenas e nenos e dos nosos maiores”, mentres que “persisten as desigualdades en canto ao salario, ás xornadas laborais, ás carreiras profesionais”. Basante tamén incidiu en que “é preciso falar do maltrato á muller polo feito de selo, un problema social que require de sistemas de detección temperá máis eficaces e protectores das vítimas”. “Como muller eu creo no poder da educación como a ferramenta máis valiosa para poder cambiar a desigualdade. E non esquezamos nunca que a primeira educación comeza na casa, co noso exemplo ás nosas fillas e fillos”, apuntou.

O acto conmemorativo do 8M rematou con teatro para todas as idades. O espectáculo E ti que queres ser de maior?, da compañía Trémola Teatro, está pensado para público infantil, aínda que inclúe acenos ao adulto que o fan especialmente interesante. Tratase dun contacontos que reflexiona sobre os prexuízos e estereotipos relacionados coas profesións.

Álbum de fotos en Facebook, neste enlace.