O Concello de Rois programou co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, que se celebrará o 25 de novembro, unha serie de accións para visibilizar o seu compromiso coa erradicación da violencia de xénero e lanzar a mensaxe de tolerancia cero con este tipo de comportamentos. O programa leva por lema Rois actúa contra a violencia de xénero, desenvolverase ao longo de tres xornadas no mes de novembro e culminará coa lectura do manifesto o 25N. Un espectáculo circense e acrobático, unha obra de teatro, unha andaina solidaria e unha presentación literaria son algunhas das propostas incluídas na programación do 25N para este mes de novembro e ás que o Concello convida a sumarse á veciñanza.
A primeira das actividades desenvolverase o sábado, 12 de novembro, ás 12.00 horas e terá por escenario o campo da festa de Rois. Trátase do espectáculo de Sue Moreno 4.0. A actuación, que forma parte do Circuíto de cultura en Igualdade da Deputación da Coruña, mestura técnicas áreas de circo con cancións e teatro físico. A súa posta en escena requirirá dunha estrutura de 6 metros de altura. O espectáculo toma como partitura o humor e conta a historia dunha muller no seu día a día, tentando conciliar o seu traballo, vida e maternidade e amosando as mil caras desta etapa desde unha ollada divertida, tenra e, por momentos, absurda. En caso de choiva, a actuación trasladarase ao auditorio.
A segunda actividade terá lugar o sábado, 19 de novembro e tamén chega en forma de proposta teatral. Neste caso, a compañía Redrum Teatro presentará a súa obra Invisibles. Será ás 20.00 horas. O espectáculo teatral é unha adaptación do libro homónimo da periodista Montse Fajardo que relata casos reais de violencia de xénero sufridos por sete mulleres galegas. A obra está protagonizada por Mela Casal, Sheyla Fariña e Neves Rodríguez baixo a dirección de Marián Bañobre. Forma parte da Rede Cultural da Deputación da Coruña.
Finalmente, o 25 de novembro, Día internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres. O programa arrincará ás 18.00 horas co Camiño ao respecto. Trátase dunha andaina solidaria dende a casa consistorial ata o multiúsos. Unha vez alí terá lugar, ás 19.00 horas, a presentación do libro da escritora e psicóloga de Rois, María Aboy, Eutimia. Trátase dunha obra con tintes de novela negra e referencias na súa trama á violencia de xénero. Nel, a autora denuncia a estigmatización da saúde mental. A presentación do libro contará coa actuación do grupo OCT Chorima. Os actos do 25N rematarán ás 20.00 horas coa lectura dun manifesto.