O Pleno do Concello de Rois aprobou hoxe por unanimidade as obras do Plan Único de concellos da Deputación da Coruña por importe de 950.000 euros. No plan POS+ o equipo de goberno propuxo instalar herba artificial no campo de fútbol de Urdilde, cun investimento de 432.457 euros.
O Plan complementario inclúe investimentos por un total de 510.657 euros, no que figuran o afirmado e acondicionamento de pistas en Oín, Asneiros e A Eirexa, por 46.138 euros.
O afirmado e acondicionamento das pistas no Pazo e de Cernán a Vilariño (56.947 €), e o da pista que vai da AC-301 a Socastro (56.947 €), o da AC-301 a Leroño e A Casa do Vento (115.730€) tamén entran no complementario, ao igual que o afirmado e acondicionamento de pista de Rubieiro a Socasto e o das estradas de Vilachán a Ponte de Pedra (65.168 €). O afirmado e acondicionamento de pistas en Seaxe e Moares, por 69.850 euros, completan o plan complementario.
No pleno, tanto o grupo popular como o socialista votaron a favor destes investimentos (a edil do BNG non puido asistir á sesión), ao coincidiren na importancia de acometer estas obras. A única discrepancia foi na forma de financiar o investimento no campo de fútbol de Urdilde, xa que dende o PSdeG reclamaban que debía telo feito a Xunta, e o alcalde replicoulle que o presidente da Deputación non quixo firmar ningún convenio de colaboración co Concello de Rois (como fixo con outros, como o de Ames), “e só nos deixou esta opción do POS+”, dixo Ramón Tojo.
O vídeo do Pleno pode verse premendo nesta ligazón.