Rois saíu ás rúas este ano para visibilizar o seu compromiso pola erradicación da violencia machista. No Día Internacional pola eliminación da violencia contra a muller, o Concello quixo mandar un mensaxe de tolerancia cero con este tipo de comportamentos, inconcibibles nunha sociedade civilizada. O acto deu comezo ás 18.00 horas diante da casa consistorial, que foi iluminada de cor violeta como sinal de saída para a andaina popular Camiño ao respecto, que cubriu a distancia ata o edificio multiúsos, onde se celebrou o acto conmemorativo do 25N, que incluíu a lectura dun manifesto, a presentación dun libro e a inauguración da exposición cos debuxos realizados polo alumnado dos centros educativos do municipio.
O alcalde de Rois, Ramón Tojo Lens, tras presentar o evento e condenar a violencia machista como “unha lacra que a nosa sociedade debe erradicar” cedeulle a palabra a María Aboy Oubel, autora da novela Eutimia, na que se tratan varias vertentes da violencia de xénero como a psicolóxica, a verbal e a física. Durante a presentación, Aboy Oubel explicou a importancia do contexto, especialmente do contexto feminino e a constitución de Rois como “lugar seguro”. Durante a presentación representantes da Asociación de mulleres rurais de Urdilde, da Asociación de mulleres rurais de Ermedelo e da Asociación de amas de casa de Rois leron pasaxes da novela poñendo voz ás diversas mulleres que nela aparecen.
O Obradoiro de Cultura Tradicional Chorima puxo o acompañamento musical a este evento, non só interpretando cancións populares galegas pactadas coa autora senón que compuxeron unha regueifa a partir dunha discusión tamén presente en Eutimia.
Tras as actuacións, a concelleira de Servizos Sociais, Mercedes Basante, leu o manifesto institucional de Rois polo Día Internacional pola eliminación da violencia contra as mulleres, marcando o firme rexeitamento do concello a esta lacra e lamentando as mulleres asasinadas polas súas parellas ao longo deste 2022 e as 1.167 nos últimos 20 anos. Esta mensaxe de condena quíxose tornar nunha fonte de esperanza, declarando o apoio de Rois ás mulleres maltratadas e asegurándose de ler os nomes de todas as vítimas desta causa. Tras isto o público gardou un minuto de silencio en honor a todas elas.
Mesa Municipal contra a Violencia de Xénero
Con esta vocación esperanzadora anunciouse que o vindeiro 14 de decembro constituirase da Mesa Municipal contra a Violencia de Xénero, un órgano de carácter participativo no que se sentarán representantes das asociacións veciñais, de mulleres, deportivas, ANPAS, Protección Civil e corpos de seguridade, saúde, educación, sociais comunitarios, do CIM e dos distintos grupos da Corporación Municipal coa fin de traballar por construír un concello libre de violencias machistas.