Rois celebrará o Entroido cunha gran festa que se desenvolverá o sábado 10 de febreiro e contará con concurso de disfraces, merenda e a actuación musical. O concurso repartirá 1.800 euros en premios entre os primeiros clasificados en seis categorías.
O Concello de Rois vén de publicar as bases do concurso de disfraces do Entroido 2024, que se celebrará na tarde do sábado 10 de febreiro a partir das 16.30 horas. Participantes e público están citados na Casa do Concello para o reparto de dorsais e o inicio do desfile ata o pavillón municipal dos Dices, no que terá lugar o concurso e a merenda. A festa rematará coa actuación do Trío Soprano.
O concurso contará cunha vintena de premios que recoñecerán a orixinalidade e o atractivo dos disfraces en seis categorías: infantil individual, individual de máis de 12 anos, parella/trío; comparsa infantil de ata doce integrantes, comparsa de ata 12 persoas e comparsa de máis de trece membros. A contía dos premios ascende a un total de 1.800 euros.
Todas aquelas persoas ou grupos interesados en participar no concurso de Entroido deberán inscribirse previamente cubrindo o formulario que atoparán dispoñible na páxina web do Concello de Rois nesta ligazón a partir do mércores 24 de xaneiro. O prazo de inscricións estará aberto ata o mércores 7 de febreiro.
No caso das comparsas, ao facer a inscrición debe facerse constar unha persoa representante, da que se indicará nome completo, número de contacto e NIF de quen ha de asinar a solicitude e un compromiso de responsabilidade. Tamén deberán entregar o certificado do número de conta bancaria.
A maiores dos premios do concurso xeral, concederanse outros tres para recoñecer o Espírito entroidero das distintas asociacións. Nesta categoría, ademais de aspectos como a orixinalidade, a utilización de materiais de refugallo ou a posta en escena, valorarase a calidade na ambientación dos postos e dos produtos gastronómicos que ofrezan.
As bases do concurso poden descargarse en documento adxunto.