O Concello de Rois continúa avanzando na mellora dos seus servizos e infraestruturas grazas ao apoio da Xunta de Galicia, que destinou un total de 64.000 euros a actuacións centradas na eficiencia enerxética e na protección do medio ambiente.
A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou este martes, 28 de abril, o municipio acompañada polo alcalde, Ramón Tojo, para coñecer de primeira man os traballos realizados ao abeiro de dúas liñas de financiamento autonómico.

Durante a xornada, a representante do Goberno galego destacou “o firme compromiso da Xunta cos concellos do rural para seguir avanzando en sustentabilidade, modernización dos servizos e mellora da calidade de vida da veciñanza”.
Melloras en eficiencia enerxética en instalacións deportivas
Unha das actuacións principais centrouse na mellora da eficiencia enerxética en dous edificios deportivos municipais, cun investimento de 40.000 euros procedente do fondo adicional ao Fondo de Cooperación Local.

No pavillón de Urdilde, instalouse un novo sistema de ventilación mecánica con ventiladores de altas prestacións, que permite mellorar a renovación do aire, optimizar as condicións térmicas e reducir a temperatura interior nos meses máis cálidos. Esta actuación supón un aforro estimado de entre 10 e 20 kWh diarios durante o verán.
Na segunda actuación, no edificio de vestiarios do campo de fútbol da Braña, a delegada estivo acompañada polo presidente do CD de Rois, Ramón Carou, durante a visita ás instalacións. Alí comprobouse a renovación integral do sistema solar térmico para a produción de auga quente sanitaria, substituíndo os paneis avariados e mellorando o conxunto da instalación.

Esta intervención permitirá unha redución do consumo enerxético de entre 1.200 e 1.600 kWh anuais, así como a diminución das emisións de CO₂. Estas melloras benefician directamente ás persoas usuarias das instalacións, entre elas o CD Rois, que conta cunha ampla base deportiva con arredor de 300 fichas e varios equipos femininos.
Novo equipamento para a conservación do medio rural
A visita serviu tamén para presentar o novo equipamento adquirido polo Concello ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, cunha achega autonómica de preto de 24.000 euros.
En concreto, incorporouse unha desbrozadora de brazo articulado, destinada aos traballos de limpeza e mantemento das estradas e espazos naturais, así como á prevención de incendios forestais.

Esta maquinaria, xa en funcionamento, permitirá mellorar a capacidade operativa dos servizos municipais, especialmente nun concello como Rois, caracterizado pola súa elevada dispersión poboacional, con 112 núcleos de poboación.
Desde o Concello de Rois sublíñase a importancia deste tipo de investimentos, que repercuten directamente na calidade de vida da veciñanza, na modernización das infraestruturas municipais e na protección do entorno.

















