O Pleno do Concello de Rois aprobou na sesión ordinaria desta mañá o plan provincial de cooperación ás obras e servizos de competencia municipal POS+2023 cos votos a favor de PP e BNG e a abstención do PSdeG. Por unanimidade dos tres grupos foi aprobado o POS+ adicional 1/2023 para gastos sociais extraordinarios, dotado con 68.471 euros. No capítulo de rogos e preguntas, o alcalde, Ramón Tojo, volveu insistir en que o goberno local quere remunicipalizar a parte do servizo de axuda no fogar que actualmente presta unha empresa. “É un proceso complexo e estamos a espera de que os técnicos municipais rematen os informes pertinentes para que o SAF volva ser municipal”, dixo.

Durante o debate para aprobar as obras do plan de cooperación que se inclúen no POS+ 2023, tanto BNG como PSdeG volveron solicitar un plan plurianual de obras. Na votación o BNG votou a favor do plan e os socialistas abstivéronse.

Na sesión desta mañá houbo unanimidade para ratificar a resolución da alcaldía que modificaba a addenda do convenio coa Consellería de Infraestruturas para construír a depuradora de Urdilde. O alcalde explicou que a Xunta recibiu a oferta de oito empresas para facer esta depuradora, que está a punto de adxudicarse. O retraso na tramitación é o que motiva o cambio nas partidas destinadas para as diferentes anualidades, quedando a máis importante para o ano 2023.

Tamén por unanimidade se aprobou o POS+ adicional 1/2023 para gastos sociais extraordinarios, dotado con 68.471 euros. No debate deste punto, a oposición interesouse pola situación do servizo de axuda no fogar, parte do cal se presta a través dunha empresa concesionaria. No capítulo de rogos e preguntas, o alcalde explicou que a intención do equipo de goberno é “remunicipalizar este servizo. Trátase dun procedemento complexo e estamos agardando que os técnicos municipais redacten os informes pertinentes para que este servizo sexa prestado directamente polo Concello”, asegurou Ramón Tojo.

O goberno local rexeitou a moción socialista para crear unha agrupación de Protección Civil supramunicipal cos concellos de Padrón e Dodro. O alcalde argumentou o voto en contra do PP sinalando que actualmente Dodro non ten voluntarios de protección civil e que os de Padrón non operan fóra do seu termo municipal. “En Rois estamos cubertos coa presenza do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GEX) Terras de Iria, que opera as 24 horas, e cos voluntarios de protección civil de Rois. Non vemos factible crear unha agrupación de protección civil comarcal, porque non hai unha necesidade crecente por parte dos outros alcaldes”. Finalmente, a proposta contou con 4 votos a favor (PSdeG e BNG) e 7 votos en contra (PP), polo que foi rexeitada.