• O grupo de goberno votou en contra das alegacións do sindicato USO sobre o cadro de persoal, que apoiaron PSdeG e BNG

 

O Pleno da Corporación de Rois aprobou esta mañá definitivamente o orzamento de 2021 ao quedar rexeitadas as alegacións presentadas polo sindicato USO sobre o cadro de persoal. O equipo de goberno (6 votos do PP) desestimou as propostas da Unión Sindical Obreira, que apoiaron tanto socialistas (3 votos) como nacionalistas (1).

O alcalde, Ramón Tojo, asegurou que o Partido Popular foi o que fixo a primeira funcionarización de traballadores municipais neste século, recriminándolle a PSdeG e BNG que non fixeran durante o goberno bipartito o que agora reclaman.

Tanto BNG como PSdeG respaldaron as alegacións de USO, e consideran que o Concello debería converter en funcionarios a traballadores temporais e cubrir as prazas vacantes. A socialista Patricia Ces considera que a subrogación de persoal prevista cando se municipalice o Servizo de Axuda a Domicilio pode ser contraria a lei.

Unhas apreciacións coas que non coincide o alcalde. “Empezamos coa funcionarización e seguiremos traballando neste camiño”, concluíu.

O vídeo do pleno extraordinario do 22 de marzo pódese ver neste enlace: https://www.youtube.com/watch?v=AUdO3-THLL8