• Únese á iniciativa da Fundación de lembrar a figura e obra da poeta co cancelo #DíadeRosalía e entregaralles un agasallo ás persoas que empreguen tamén o de #RoisconRosalía 

  • Mañá repartirá manteis conmemorativos nos colexios, na Galiña Azul e no Centro de Día 

  • O propio día 24 descubrirá senllas placas nos Fondóns, en Seira, e no Xardín do Recordo, onde plantará unha filla da Figueira da Casa da Matanza

O Concello de Rois celebra este mércores 24 de febreiro o Día de Rosalía animando a toda a veciñanza a ler, cantar ou lembrar de calquera xeito a súa figura e a súa obra a través das redes sociais. Esta iniciativa únese a outros actos que, por causa da pandemia, non poderán abrirse ao público pero que tamén están destinados a homenaxear a poeta e dar a coñecer os seus vínculos con este municipio da veiga do Sar. 

Rois súmase así á Fundación Rosalía de Castro, da que é mecenas, para converter o día da poeta nunha grande homenaxe popular. Por iso, convida a todas as persoas a compartiren o seu recordo nas redes sociais co cancelo #DíadeRosalía. A maiores, faralles un agasallo sorpresa a aquelas que empreguen tamén o cancelo #RoisconRosalía. Poden ler a súa obra, recitala, cantala, facer un debuxo  ou tan só falar do que supón para eles a escritora galega máis recoñecida.

Para participar, as persoas interesadas deberán facer unha publicación no seu perfil persoal de Facebook ou ben deixar un comentario baixo o anuncio dos actos que fai o Concello de Rois na súa propia páxina desta rede social. O prazo para participar neste Día de Rosalía dixital estará aberto ata o vindeiro domingo, día 28 de febreiro. O agasallo recollerase con posterioridade na biblioteca municipal de Rois. 

Por outro lado, e en colaboración coa Fundación Casa de Rosalía, Rois repartirá entre o alumnado dos colexios de Rois e Urdilde, así como o da Galiña Azul e os usuarios do Centro de Día de Urdilde, manteis individuais de papel dedicados a Rosalía e ao seu célebre Caldo de Gloria.

Tamén o mércores, Rois inaugurará senllas placas de homenaxe na zona dos Fondóns, en Seira, e no Xardín do Recordo do pazo do Faramello. Neste lugar, plantarase ademais unha filla da monumental Figueira da Casa de Rosalía, sede da Fundación rosaliana e lugar de pasamento da escritora.