O edificio multiúsos de Rois acollerá un ‘workshop’ para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS), establecidos en 2015 pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas e que se pretenden acadar en 2030. A xornada de traballo terá lugar o mércores 20 de decembro de 11.00 a 13.00 horas. Será un espazo de aprendizaxe e intercambio co obxectivo de avanzar cara a un futuro máis sostible para a nosa comunidade.

María Calvo, de Arenaria Coordinación, S.L.U., e Xoán España, da Asociación Amicos, guiarán a sesión mediante unha metodoloxía activa e participativa, promovendo a interacción e a discusión entre os asistentes.

As prazas son limitadas para asegurar un ambiente propicio para a interacción e o debate. As persoas interesadas en participar poderán inscribirse previamente no departamento de Servizos Sociais, dirixíndose a Uxía (teléfono 981 804 109).