Abril, mes dos libros é o programa co que Rois se suma ás celebracións do Día do Libro o 23 deste mes. No propio Día do Libro presentará unha nova edición do Certame artístico e literario Lois Aldegunde de relato breve e poesía. Ademais, ao longo do mes o multiúsos acollerá unha exposición da asociación Andaina pro saúde mental e o espectáculo familiar Kalopsia, un planeta non tan diferente.
Baixo o nome de Lois Aldegunde, profesor de lingua e literatura no CPI dos Dices durante máis de vinte anos que foi homenaxeado en abril do ano pasado, o Concello de Rois relanza o seu Certame literario de relato breve e poesía, que nesta ocasión abrirá o prazo de presentación de traballos o 23 de abril, coincidindo coa conmemoración do Día do Libro.
Ademais, as persoas que na tarde do 23 se acheguen ao multiúsos terán a oportunidade de coñecer os últimos títulos que se incorporaron ao catálogo da biblioteca municipal, instalación na que ao longo do mes se agasallará cun libro a todos os seus visitantes.
Doutra banda, entre o 11 e o 30 de abril, o edificio multiúsos acollerá unha exposición de arte con traballos realizados polas persoas usuarias da asociación Andaina pro saúde mental. A mostra inaugurarase o xoves 11 de abril ás 12 da mañá.
E, para público familiar, o mércores 24 de abril a partir das 6 da tarde chegará a Rois o obradoiro de contacontos Kalopsia, un planeta non tan diferente. Trátrase dunha proposta coa que Europe Direct A Coruña percorrerá quince concellos da provincia adheridos a Europa no teu concello coa finalidade de que a rapazada coñeza cal foi a orixe da Unión Europea e como é o seu funcionamento.
A sesión comeza cun achegamento a algúns contos e libros infantís europeos para mergullar a nenas e nenos na diversidade cultural da UE. Despois, as persoas asistentes terán ocasión de escoitar a narración do libro Kalopsia. Un planeta non tan diferente: descubre Europa desde o espazo exterior. E, por último, a cativada poderá xogar e formar alianzas cos seus propios países.