Cartel da 19ª Andaina Bisbarra do Sar

A Andaina Bisbarra do Sar chegará á súa 19 edición o sábado 18 de abril. Como entidade colaboradora, o Concello de Rois dispón dun total de 40 inscricións gratuítas. Estas inscricións, dirixidas a persoas empadroadas no municipio, poderán facerse a partir do vindeiro luns, 1 de decembro. .

Para formalizar a súa participación, as persoas roisenses interesadas deberán descargar a ficha de inscrición que acompaña esta nova, cubrila e enviala por correo electrónico a inscricions@rois.gal. Acompañarana das autorizacións para menores ou animais, en caso de levalos.

As prazas gratuítas outorgaranse por orde de solicitude ata que esgoten. Se aínda quedan prazas dispoñibles, o prazo de solicitude remata o 28 de febreiro. As inscricións que se realicen a partir dese día faranse pola vía ordinaria na páxina web www.andainabisbarradosar.com. Hai que ter en conta que a rapazada menor de 14 anos pode participar de balde, pero terá que ir acompañada dunha persoa adulta.

A Andaina Bisbarra do Sar consta dun itinerario de 50 quilómetros que percorre os municipios de Rois, Padrón e Dodro. Poden inscribirse na proba tanto persoas con ficha da Federación Galega de Montaña como non federadas, escollendo entre dúas modalidades de participación: camiñando (con retencións nos controis) ou correndo/trotando (sen retencións).

O percorrido, completamente renovado nesta edición, dividirase en dous aneis de 31 e 19 quilómetros. Os participantes teñen a opción de facer o itinerario completo ou escoller un dos dous aneis. Aquelas persoas que vaian realizar o itinerario completo ou o de 31 quilómetros sairán ás 9.00 horas do paseo padronés do Espolón. Quen queiran facer o de 19 quilómetros poderán comezar a andaina tamém ás 9.00 ou ben ás 13.30 horas. É moi importante que na solicitude de inscrición se indique a distancia que se vai facer coa fin de poder organizar os avituallamentos.

Toda a información sobre a proba está dispoñible na páxina da Andaina Bisbarra do Sar. Se tes dúbidas, axudarémosche no departamento de Deportes do Concello de Rois no edificio multiúsos, no teléfono 981 816 061 ou no correo inscricions@rois.gal (indica no asunto Inscrición Andaina Bisbarra do Sar).

O formulario de inscrición e as autorizacións para menores e para animais poden descargarse nos arquivos adxuntos.