Responsables dos nove concellos polos que discorre o Camiño de Santiago pola Ría de Muros Noia reuníronse o martes pola tarde coa directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o director da Sociedade de Xestión do Xacobeo, Ildefonso de la Campa, para estudar vías de colaboración entre os tres organismos.
Manuel dos Santos, concelleiro de Turismo de Rois, foi o reprsentante do noso Concello nesta reunión, á que asistiron tamén Teresa Villaverde, alcaldesa de Lousame e presidenta da Asociación de Concellos do Camiño da Ría de Muros Noia; Santiago Freire, alcalde de Noia; Inés Monteagudo, alcaldesa de Muros; Manuel González, alcalde de Outes; Pablo Lago, alcalde de Brión; Luís Oujo, alcalde de Porto do Son; e Manuel Lens, concelleiro de Turismo de Ames.
Trátase da primeira xuntanza dunha rolda de contactos que a Asociación vai manter con distintas instancias das administracións provincial, autonómica e estatal para presentar este camiño, recementemente oficializado polo Cabido da Catedral de Santiago, e estudar un marco de colaboración co que sacar adiante accións concretas de maneira coordinada.
Na reunión de onte, os membros da asociación expuxeron con detalle o camiño percorrido ata conseguir o seu recoñecemento oficial, dende que os primeiros investigadores e colectivos sociais comezaron o proceso de reinvindicación desta ruta xacobea. Así mesmo, presentáronlles tanto a Turismo como ao Xacobeo as liñas de traballo que se están a desenvolver coa fin de establecer posibles colaboracións.
Os responsables da asociación entregáronlle a Nava Castro e Ildefonso de la Campa senllos exemplares do extenso traballo de investigación que debulla os grandes fitos históricos ligados o Camiño da Ría de Muros Noia. Entre eles, recóllense os seus inicios cando milleiros de soldados da segunda Cruzada peregrinaron a Compostela dende Noia anes de continuar cara a Terra Santa. Tamén se reflicte a peregrinación no século XV e dende Muros do navegante e explorador veneciano Pietro Querini e a súa tripulación. Ou a carta que Carlos I lle manda no século XVI ao gobernador de Galicia esixindo a liberación de cincuenta peregrinos francesas apreixados no porto de Muros por non poder pagar o tributo esixido para desembarcar de camiño a Compostela.