O director xeral de Rede Aberta, Pere Antentas (esquerda), e o acalde de Rois, Ramón Tojo

O Concello de Rois asinou esta mañá un convenio de colaboración coa empresa Rede Aberta para que todos os fogares do municipio poidan contar con fibra óptica de alta capacidade antes de que remate o presente ano, o que permitirá a familias e empresas do rural estar conectados con fibra ultrarrápida.

O convenio foi asinado polo alcalde, Ramón Tojo, e o director xeral de Rede Aberta, Pere Antentas, e permitiralle á empresa utilizar a infraestrutura municipal para levar os cables de fibra óptica a todos os fogares do municipio. Segundo informou o director de despregamento de Rede Aberta, Óscar Barreiro, os traballos comezarán dentro dun mes, aproximadamente, para que todos os fogares teñan fibra óptica este mesmo ano.

En novembro de 2022, Rede Aberta recibiu a adxudicación definitiva do Plan Único 2022 na provincia da Coruña, para levar fibra óptica aos fogares do rural a través do Plan de recuperación, transformación e resiliencia do Goberno central que financia a Unión Europea. Esta subvención, no caso de Rois, só permitiría chegar a 524 fogares. Co convenio asinado esta mañá, o Concello de Rois garante que todas as familias e empresas do municipio poidan estar conectados este mesmo ano.

Para o alcalde, Ramón Tojo, “é fundamental ter acceso a internet de alta velocidade para impulsar a dixitalización e garantir que o rural poida seguir progresando”, motivo polo que o goberno municipal asinou hoxe o convenio.Pere Antentas, pola súa banda, asegurou que o obxectivo da empresa de fibra óptica neutral galega e poder chegar a 400.000 fogares galegos no ano 2025. A finais do ano pasado chegaron a máis de 126.000. Unha vez que Rede Aberta desprega a súa rede de cable, cada persoa pode contratar os servizos de fibra óptica co operador que considere máis oportuno.