O Concello de Rois deu a benvida este xoves 5 de setemebro ao grupo de Scouts ‘AEIG Joan Pons’ de Girona con 28 mozos e mozas que están a realizar o Camiño de Santiago desde Vigo. A expedición chegou ao Polideportivo de Rois, onde foron recibidos polo alcalde, Ramón Tojo.

Durante o acto de benvida, o rexedor entregou a cada integrante do grupo un pin representativo do Concello de Rois, así como un xabón artesanal elaborado polas persoas da Asociación AMIPA. O grupo agradeceu estes agasallos e mostrouse moi satisfeito pola cálida acollida recibida no municipio.

Despois de pasar a noite no polideportivo, hoxe, venres 6 de setembro, os scouts inician a última etapa do seu percorrido, que os levará desde Rois ata Santiago de Compostela, onde completarán o Camiño.

O Concello de Rois destaca o valor desta experiencia para a xuventude, reforzando os lazos entre distintas comunidades e fomentando o respecto pola tradición e a natureza.