O alcalde de Rois, acompañado por José Manuel Cortizo e por técnicos da empresa, visitou a nova rotonda que dá acceso ao municipio pola estrada AC-301, que foi construída por Aluminios Cortizo atendendo á petición feita por Ramón Tojo para mellorar a seguridade viaria na zona e que comunica a capital municipal coa N-550 e coa AP-9.

Ramón Tojo agradeceulle a José Manuel Cortizo o investimento realizado “para mellorar a seguridade nunha estrada que cada vez ten máis tráfico, e que lle facilita á veciñanza o acceso á N-550 e á autoestrada en menos de dez minutos dende a casa consistorial”, sinalou o alcalde.

Esta infraestrutura vai beneficiar tamén á veciñanza de Seira, ao facilitarlle a incorporación á AC-301 e poder contar tamén con luces led nos primeiros metros de acceso ao núcleo de poboación. A instalación deste alumeado público, así como o que facilita a visibilidade na rotonda durante a noite, foi tamén sufragada por Aluminios Cortizo. Unha das novidades da rotonda é que recibe aos automobilistas coa palabra Rois a súa entrada ao municipio.

Na supervisión desta infraestrutura, que xa está en funcionamento unha vez rematadas as obras, participaron Ramón Tojo e José Manuel Cortizo, fundador da empresa, así como o director de expansión e o director técnico de Aluminios Cortizo, Alén Fernández e Miguel Escobero, respectivamente, e o xefe do proxecto desta obra, Juan José Fentanes.

Esta infraestrutura será tamén o punto de acceso para o futuro campus tecnolóxico que Aluminios Cortizo vai construír nas inmediacións e no que a empresa fará un investimento de 40 millóns de euros. Neste proxecto único no sector en España, destinado á investigación e á formación, traballarán 350 arquitectos e enxeñeiros dedicados ao desenvolvemento de cerramentos a medida para grandes construcións en todo o mundo. Miriam Cortizo, filla do fundador, sinalou na súa presentación en 2019 que este campus nace como “o espazo de enxeñería de envolventes máis importante de Europa”. A previsión é que estea rematado o ano que vén.