Rois. 10-06-2022- Ante a inminente celebración da noite de San Xoán, entre o 23 ao 24 de xuño, o alcalde de Rois publica un bando municipal establecendo a prohibición de facer cacharelas en lugares públicos. Ademais, terán que seguirse unha serie de recomendacións para previr a xeración de incendios forestais. As persoas que desexan realizar unha cacharela terán que presentar unha solicitude no Concello antes das 14.00 horas do martes 21 de xuño.

Á parte de en lugares públicos, tampouco se poderán facer cacharelas en terreos forestais. A faixa perimetral ao lume ha de estar despexada de elementos que poidan facilitar a súa propagación. Non se poderán acender as fogueiras a menos de 15 metros de distancia con respecto de edificacións, liñas de tendido eléctrico, instalacións de calquera tipo ou vehículo, nin a menos de 50 metros das árbores.

A persoa que se responsabilice da cacharela deberá solicitar autorización no concello, sinalando nome, enderezo, teléfono e/ou enderezo electrónico e presentado fotocopia do DNI, con indicación clara do lugar de celebración, tipo de cacharela e características do terreo onde se pretende realizar. Soamente se poderán realizar cacharelas de xeito particular e en propiedades privadas, non se pode ocupar ningún terreo nin espazo público.

A instancia para solicitar autorización e o bando íntegro pode descargarse aquí.

Unha vez solicitado, o permiso entenderase concedido se non existe denegación expresa por parte do Concello, e sempre e cando  se cumpran as condicións e normas sinaladas no bando.

A morea de materiais que formen a cacharela non poderá exceder os 3 metros de altura. Será obrigatoria a limpeza do espazo autorizado, incluídos os elementos utilizados para o desenvolvemento da fogueira e/ou sardiñada, nun prazo máximo de 12 horas despois de rematadas.

Nas fogueiras non se poderá queimar ningún tipo de residuos en cuxa composición interveña o plástico, colchóns, rodas, aerosois, produtos inflamables ou explosivos, debido aos gases tóxicos que produce a súa queima, segundo recolle o bando o cumprimento das normas poderá ser comprobado polo GES de Padrón, a Policía Local, bombeiros e/ou axentes forestais do Distrito IV, que darán conta das incidencias ou infraccións detectadas.

O bando e o modelo de solicitude poden consultarse no arquivo adxunto.